Concello de Redondela

Conferencia na Biblioteca Xela Arias: Lírica medieval, un trobador de Chapela?

O Servizo de Normalización Lingüística de Redondela e mais a Biblioteca Xela Arias comprácense en recibir á Dra. Carmen de Santiago Gómez, investigadora na Universidade de Santiago de Compostela e asemade no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Carmen de Santiago é unha xoven investigadora que en 2022 obtivo o título de Doutora (Mención internacional) coa tese titulada O cancioneiro do trobador Johan Soarez Somesso. Edición crítica e estudo, cun rigoroso traballo que non só recibiu un sobresaínte Cum Laude senón que foi recoñecido co Premio extraordinario de doutoramento pola USC.

A súa actividade investigadora céntrase fundamentalmente nos ámbitos da crítica textual, a literatura medieval (con especial atención á lírica galego-portuguesa) e as Humanidades Dixitais.

Estará con nós o mércores 21 de maio, ás 20:00 h. para ofrecernos A orixe da lírica medieval galega. Un trobador de Chapela? Unha conferencia na que nos achegará a figura do trobador Johan Soarez Somesso, identificado como o Señor de Chapela por algúns investigadores, e para debullarnos unha época de grande riqueza histórica e literaria na nosa contorna.

 

 

 

 

Compartir