Concello de Redondela

Correos presenta en Redondela un mapa gratuíto do Camiño Portugués para peregrinos

A concelleira de Turismo, Rita Pérez Táboas, participou xunto ao xefe de sector de oficinas de Correos, Miguel Blanco, a directora da oficina de Correos, Nuria Freire e a xefa de equipo da oficina, Patricia Rodríguez, na presentación dunha guía para peregrinos. Trátase dunha publicación editada por O Camiño con Correos que contén unha guía práctica para os peregrinos con recomendacións ao longo desta ruta xacobea. A guía presentouse na oficina de Correos de Redondela, xa que nesta localidade conflúen o Camiño Portugués tradicional, e o Camiño Portugués pola Costa. O novo mapa xa está dispoñible de forma gratuíta na oficina de Correos de Redondela, situada na rúa Casto Sampedro, 8, permite aos peregrinos orientarse e ofrece consellos en castelán e inglés ao longo das distintas etapas adaptándose ao seu punto de inicio. Ao seu paso por Redondela, a publicación recomenda visitar os viadutos ferroviarios e achegarse á enseada de San Simón.

Con esta iniciativa, que convida a descubrir o patrimonio cultural, natural e gastronómico de cada etapa, Correos busca pór en valor as diferentes localidades do Camiño Portugués e ofrecer aos peregrinos información útil sobre esta ruta. A concelleira de Turismo de Redondela valorou dun xeito “moi positivo” esta iniciativa, que se suma ao traballo que realiza o equipo técnico da Oficina Municipal de Turismo “achegando información de interese a todos os que nos visitan e visitas guiadas gratuítas”.

Compartir