Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

Estrea da nova web e a Tarxeta Cidadá Virtual: máis fácil, máis preto, máis Redondela

A nova tarxeta virtual permite acceder aos servizos municipais e facer trámites a través da web ou dende o propio móbil grazas á nova App do cidadán. O concelleiro Antonio Cabaleiro explicou que a nova Tarxeta Cidadá de Redondela “permite facer xestións municipais en liña, participar en enquisas, reservar pistas de tenis e pádel, e tamén permitirá a compra de entradas para eventos culturais”.

Na nova canle do Concello de Redondela, www.redondelaberta.gal, dispoñible tamén na aplicación móbil, pode verse todo o deporte dos pavillóns de Redondela e Chapela, así como os plenos municipais ou contidos culturais.

A alcaldesa, Digna Rivas, sinalou que o compromiso do seu goberno é “facer que esta plataforma dixital siga medrando, ofrecendo cada vez máis servizos á veciñanza e que dun xeito doado e cómodo no seu móbil a cidadanía teña toda a información, trámites e servizos da administración local”.

 

Redondela, 30 de abril de 2024. O Concello de Redondela presentou este mediodía a súa nova web e unha nova Tarxeta Cidadá Virtual que permite acceder a todos os servizos municipais a través da web e dunha App para o móbil. Na presentación, celebrada na Oficina de Turismo de Redondela, participaron Antonio Cabaleiro, concelleiro Novas Tecnoloxías, Olalla Casanova, coordinadora do Servizo, Héctor Parra, director de marketing e negocio de Cinfo, e Digna Rivas, alcaldesa de Redondela. Ao acto asistiu tamén unha representacións dos clubs de deportes do municipio que poderán retransmitir todos os seus partidos e eventos a través na nova web.

Cabaleiro explicou que a nova Tarxeta Cidadá de Redondela é unha tarxeta virtual “coa que os cidadáns poderán facer xestións municipais en liña, participar en enquisas, reservar pistas de tenis e de pádel, ver en streaming todo o deporte local, e tamén permitirá a compra de entradas para eventos culturais”.

O obxectivo da Tarxeta Cidadá Virtual de Redondela é conectar a Administración co cidadán e mellorar os sistemas de gobernanza. Esta nova plataforma permite ao Concello avanzar na súa transformación dixital mellorando e modernizando dos espazos virtuais municipais e facilitando o seu acceso para dinamizar a participación da veciñanza. Tamén contribúe a unificar os servizos municipais e a mellorar a accesibilidade dos trámites administrativos. Olalla Casanova, coordinadora do servizo de Novas Tecnoloxías, sinala que son tres as grandes novidades polas que aposta o Concello: “a web que presenta unha nova imaxe máis moderna e con máis servizos, a app para o móbil que nos permite ter toda a información da web en calquera parte, e a televisión Redondela Aberta”.

A alcaldesa, Digna Rivas, sinalou que o compromiso do seu goberno é “facer que esta plataforma dixital siga medrando, ofrecendo cada vez máis servizos á veciñanza e que dun xeito doado teñan toda a información, trámites e servizos da administración local”.

Solicitude da Tarxeta Cidadá Virtual de Redondela

Calquera cidadán, empadroado ou non no concello de Redondela, pode solicitar de maneira gratuita a Tarxeta Cidadá Virtual. Hai dúas formas de facelo: a través da web oficial do Concello (redondela.gal) ou descargando a nova aplicación para móbiles, con versións para Android e para iOS. En ambos os dous casos, o proceso de alta é moi sinxelo. En primeiro lugar, cómpre rexistrar o perfil cubrindo todos os datos persoais do usuario, especificando se se está empadronado ou non en Redondela, e introducindo un contrasinal. A continuación, o usuario recibe un correo electrónico co seu identificador de cidadán, co cal xa terá acceso á tarxeta virtual. Tamén é posible acceder co DNI.

O deporte local, máis preto grazas á Tarxeta Cidadá Virtual

A web e a aplicación da Tarxeta Cidadá Virtual de Redondela conta cunha sección específica na que os usuarios poden xestionar o seu uso e reserva de instalacións deportivas municipais. Permite a consulta e a inscrición en eventos e escolas deportivas ou o alugueiro de pistas de tenis e de pádel, elixindo recinto, data e hora, ademais de poder facer os pagos necesarios e xestionar comodamente as reservas, consultándoas, modificándoas ou mesmo cancelándoas.

No outono, de cara á nova tempada teatral, estará operativa a opción de comprar entradas para espectáculos e eventos culturais no Auditorio Multiusos da Xunqueira e no do Piñeiral de Chapela.

TV Redondela Aberta

A nova web do Concello de Redondela conta cunha canle de televisión que, no eido dos deportes, permite ver en directo, ou cando o usuario o desexe, os partidos dos equipos locais que xogan nos dous pavillóns municipais de Redondela e o de Chapela. A emisión faise grazas a un sistema de Intelixencia Artificial “que analiza todo o que pasa na pista e, en función do deporte que se estea a practicar, ofrece sempre as mellores imaxes da competición”, explica Héctor Parra, director de marketing e negocio de Cinfo. Poderase ver en www.redondelaberta.gal, tamén dispoñible na App cidadá. Ademais de deporte en streaming, na mesma páxina poderanse ver os plenos municipais, contidos culturais e moito máis. O obxectivo do Concello é “ampliar esta canle e ofrecer todo tipo de eventos culturais e festas a través desta televisión que ofrecerá cada vez máis contidos”, explicou a alcaldesa Digna Rivas.

A creación e posta en marcha da Tarxeta Cidadá Virtual de Redondela enmárcase dentro das Liñas de Actuación LA13 “Conectar a Administración co cidadán” e da LA14 “Mellorar os sistemas de gobernanza” da EDUSI Redondela 2020. Esta operación contribúe de forma efectiva aos resultados do OT 2 do POP 2014-2020, “Mellorar o uso e a calidade das tecnoloxías da información e da comunicación e o seu acceso”; en concreto, ao seu Obxectivo Específico 2.3.3 relativo a “Promover as tecnoloxías da información en estratexias urbanas integradas, incluíndo a Administración electrónica local e as Smart Cities”. Este proxecto está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014-2020, actualmente integrado no Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020. A inversión total que se realizou nesta liña de actuación é de 163.955 €, dos cales 131.164 € proveñen dos fondos FEDER e o 20% restante, 32.791 €, son achegados polo Concello de Redondela.

 

Compartir