Concello de Redondela

Historiadores e investigadores demandan a recuperación da Fundación Illa de San Simón

– A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a concelleira de Cultura, Rita Pérez Táboas, reuníronse cos historiadores e investigadores Xosé María Álvarez Cáccamo, Juan González, Dionisio Pereira e Xosé Álvarez Castro, asinantes do manifesto “A verdade non se debate” sobre a illa de San Simón.
– Os expertos en Memoria Democrática súmanse á demanda do Concello para a recuperación da Fundación Illa de San Simón, e amosáronse dispostos a colaborar co Concello na promoción actividades, cursos e conferencias sobre a historia da illa e o seu pasado como campo de concentración durante o franquismo.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a concelleira de Cultura, Rita Pérez Táboas, reuníronse onte con algúns dos historiadores e investigadores que asinaron o manifesto “A verdade non se debate”. Neste escrito os estudosos diríxense ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, logo das ambiguas declaracións do presidente o mes pasado, cando amparou a un deputado do seu partido que afirmara en sede parlamentaria que “non lle constaban mortos en San Simón”, campo de concentración franquista. Rueda afirmou “que había que deixar o debate aos investigadores”. Os expertos hai anos que cifran nuns 500 os falecidos a illa, entre eles oito fusilados.

Na xuntanza celebrada este mediodía no Concello participaron Xosé María Álvarez Cáccamo, Juan González, Dionisio Pereira e Xosé Álvarez Castro. A alcaldesa agradeceulles o manifesto, no que consideran de “extrema gravidade” as afirmacións do presidente a Xunta “polo que supoñen de negación da verdade histórica e de banalización dos sucedido nunha das máis duras e crueis prisións franquistas”.

Na reunión os participantes tamén analizaron a solicitude da Xunta de Galicia para que o goberno central ceda a titularidade do arquipélago a administración autonómica. Actualmente a illa está en usufruto por parte da Xunta, un acordo que expirará en 2027. Tanto os investigadores como o goberno local entenden que se trata dunha “estratexia política” para manter o seu control sobre a illa. Critican que ata o de agora a Xunta Simón non respectou a memoria democrática, até o punto de autorizar neste espazo a organización privada de talleres de ioga, xincanas ou noites de Samaín.

Recuperar a Fundación Illa de San Simón

Rivas lembrou a demanda do Concello de Redondela para que a Xunta recupere a Fundación Illa de San Simón, unha petición á que se suma este colectivo de historiadores. O Concello de Redondela sinala que a fundación é necesaria “para facer un seguimento do que sucede na illa, programar actividades e realizar unha correcta sinalización e contextualización do acontecido na illa”. Coa declaración de San Simón como Lugar da Memoria Democrática, tal como anunciou o Ministerio de Política Territorial, a illa contará cun réxime de protección e usos compatibles, polo que “a recuperación da Fundación Illa de San Simón é máis necesaria ca nunca”.

Conferencias e cursos

A alcaldesa manifestou a intención do Concello de organizar un programa de conferencias e cursos sobre a historia de San Simón. Realizaranse actividades para o público en xeral e outras dirixidas especialmente ao alumnado dos institutos do municipio. “Temos que explicarlle ás novas xeracións o que pasou na illa durante a Guerra Civil e os anos de represión, porque moitos descoñecen esa historia”, sinala Rivas. Xosé María Álvarez Cáccamo, Juan González, Dionisio Pereira e Xosé Álvarez Castro amosáronse dispostos a colaborar co Concello na promoción actividades en relación á Memoria Democrática da illa.

Compartir