– Esta semana rematan as actividades ao aire libre que ao longo do verán realizou a concellería de Maiores do Concello de Redondela. As clases de baile e tai chi, tanto en Redondela como en Chapela tiveron moito éxito entre os participantes, cunha gran afluencia de público nos meses de xullo e agosto.
-En setembro retómanse os cursos “Redondela Vital” e “Redondela en Forma”, unhas clases que se imparten en todas as parroquias e que nesta edición contan cuns 800 participantes. Todas as clases son de balde e impártense en 18 emprazamentos diferentes do municipio “para que todos os veciños e veciñas poidan acceder a estes servizos sen ter que desprazarse”, sinala a alcaldesa.
O Concello de Redondela, a través da concellería de Maiores, ten en marcha un ano máis os cursos dirixidos a persoas de máis de 55 anos. Trátase de actividades moi demandadas e que se imparten en todas as parroquias. Baixo o título Redondela Vital impártense clases de memoria para unha mente activa, e no curso Redondela en Forma os participantes practican ximnasia e exercicios de mantemento.
Non meses de verán, xullo e agosto, realizáronse actividades saudables ao aire libre. Á práctica habitual de tai chi sumouse como novidade o baile, unha actividade que tivo unha excelente acollida tanto en Chapela como na Alameda Castelao de Redondela. A alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira de Maiores, Iria Vilaboa, achegáronse onte á actividade na alameda para despedir as actividades de verán cos participantes. O 8 de setembro retómanse os curso en todas as parroquias. Rivas destaca a importancia de achegar estas actividades a toda a poboación “facilitando que poidan participar sen desprazarse da súa parroquia”.
A concelleira Iria Vilaboa explica que no curso “Redondela Vital” o obxectivo é previr o deterioro da memoria, polo que os participantes “practican xogos interactivos e diferentes exercicios que lles axudan a reforzar a memoria e a atención, e tamén incrementan a agudeza auditiva e visual, o que redunda nunha mellor calidade de vida”. No caso dos cursos “Redondela en Forma” a práctica de ximnasia e exercicios de mantemento ten moitos beneficios para os adultos maiores. Este exercicio moderado activa a circulación, mellora o ton muscular, diminúe niveis de tensións e alivia a dor articular. O éxito destas clases está asegurado, con máis alumnado cada ano, contando nesta edición cuns 800 participantes.