-A concellería de Maiores pon en marcha un ano máis cursos dirixidos a persoas de máis de 55 anos. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que estas clases teñen como obxectivo “mellorar a calidade de vida dos participantes con actividades que promoven o benestar físico, mental e social”.
– Os cursos, que son de balde, impartiranse nos multiúsos de Redondela e Chapela. O prazo de inscrición estará aberto entre o 2 e o 13 de setembro. As clases comezarán o 18 de setembro.
-A concelleira Pilar Martínez explica que nestes cursos os participantes “desenvolverán experiencias sensoriais, xogos interactivos e diferentes exercicios que lles axudarán a reforzar a atención, incrementar a agudeza auditiva e visual e previr o deterioro da memoria, o que redunda nunha mellor calidade de vida”.
O Concello de Redondela, a través da concellería de Maiores, pon en marcha un ano máis os cursos dirixidos a persoas de máis de 55 anos. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que se trátase de actividades “moi demandadas pola veciñanza”. Baixo o título “Corpo e mente” os cursos teñen como obxectivo “mellorar a calidade de vida dos participantes a través de exercicios que promoven o benestar físico, mental e social”. A concelleira Pilar Martínez explica que estes cursos inclúen tanto exercicios de movemento “con exercicios físicos suaves de coordinación, equilibrio e estiramentos”, como tamén talleres de memoria “para reforzar a capacidade de atención e as funcións cognitivas en xeral”. Tamén se inclúen obradoiros de autocoidado e xestión emocional “co reforzo de recursos e habilidades para mellorar a autoestima e valoración persoal”.
O prazo de inscrición para estes cursos, que son de balde, estará aberto entre o 2 e o 13 de setembro. As clases comezarán o 18 de setembro. No Multiúsos da Xunqueira impartiranse os mércores de 9.30 a 10.45 horas, e os venres haberá dous grupos, de 9.30 a 10.45 horas e outro de 11.00 a 12.15 horas. No Multiúsos do Piñeiral de Chapela será os xoves, cun grupo de 10.00 a 11.15 e outro de 11.30 a 12.45 horas. Os requisitos para poder participar é ser maior de 55 anos e estar empadroado en Redondela. A inscrición pode facerse no propio Concello de Redondela ou no departamento de Servizos Sociais de Chapela. Para máis información poden dirixirse ao teléfono 986.400.300 ou ao enderezo electrónico concello@redondela.gal.
Na segunda quincena de setembro abrirase tamén o prazo de inscrición para os cursos de Tai Chi, que comezarán a impartirse no mes de outubro.