Concello de Redondela

O alumnado dos Obradoiros de Emprego “Redondela Máis que Bela IV” remata a súa formación

Un total de 20 alumnos e alumnas dos Obradoiros de Emprego “Redondela Máis que Bela IV”, das especialidades de “Carpintería de Ribeira, e “Forestal-Xardinería e Agricultura Ecolóxica» remataron a súa formación. Logo dun ano de formación teórica e práctica o alumnado recolleu onte os Certificados de Profesionalidade no pazo de Pousadouro. Na entrega dos diplomas participou a alcaldesa, Digna Rivas, o concelleiro de Emprego, Antonio Cabaleiro, a Delegada da Xunta, Ana Ortiz, o Director Territorial de Emprego, José Antonio Fachado, e a Directora do Obradoiro, Imelda Barrio.

A alcaldesa dirixiuse ao alumnado para agradecerlles “o esforzo e compromiso, as gañas de aprender e de superarvos para aproveitar tan ben todo o que as mestras e mestres vos ensinan.”. Rivas tivo tamén palabras de agradecemento para o equipo docente e a directora, “sempre preocupados e ocupados en ofrecerlle ao alumnado a mellor formación posible”. A alcaldesa lembrou que nestes meses de formación e traballo “xa teñen demostrado que son uns grandes profesionais”.

No caso do alumnado de Carpintería de Ribeira, foron os artífices da recuperación do emblemático bote Manuel, parte importante da historia deste municipio e agora pode verse Museo Meirande. Ademais de formarse na carpintería tradicional, tamén aprenderon procedementos máis modernos, para reparar embarcacións deportivas e de recreo.

Os alumnos-traballadores da modalidade de Forestal-Xardinería e Agricultura Ecolóxica realizaron traballos como a renovación das rotondas de Vilavella e de Vilar, ademais do xardín no colexio de Reboreda e talas forestais en fincas municipais. Rivas destacou tamén a súa “labor social” porque, grazas ao Convenio entre o Concello e Cáritas, toda a produción da súa horta ecolóxica foi doada ao banco de alimentos.

Desde o Concello a alcaldesa e o edil de Emprego desexáronlle “o mellor” no seu futuro laboral, e fixeron un chamamento ás empresas destes sectores para que teñan en conta que se precisan facer contratacións “aquí poden contar con persoal moi cualificado”.

A Consellería de Emprego outorgou ao Concello de Redondela unha subvención de preto de 550.000 euros para a realización destes obradoiros, cofinanciados polo Ministerio de Traballo.

Compartir