Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

O alumnado dos obradoiros de Hostalaría e Deseño Gráfico completa a súa formación

Un total de 16 alumnos e alumnas dos Obradoiros de Emprego de Hostalaría e Deseño Gráfico para a Comunicación recibiron o martes os seus Certificados de Profesionalidade. Logo dun ano de formación teórica e práctica o auditorio da Xunqueira acolleu este mediodía a entrega dos diplomas, un acto no que participou a alcaldesa, Digna Rivas, o concelleiro de Emprego, Antonio Cabaleiro, a Delegada da Xunta, Ana Ortiz, o Director Territorial de Emprego, José Antonio Fachado, e a Directora do Obradoiro, Marita Pintos.

A alcaldesa dirixiuse ao alumnado para agradecerlles “o voso esforzo e compromiso, as gañas de aprender e de superarvos para aproveitar tan ben todo o que as mestras e mestres vos ensinan.”. Rivas tivo tamén palabras de agradecemento para o equipo docente e a directora, “sempre preocupados e ocupados en ofrecerlle ao alumnado a mellor formación posible”. A alcaldesa lembrou que nestes meses de formación e traballo “xa teñen demostrado que son uns grandes profesionais”. O grupo de hostalaría foi o encargado de elaborar e servir os petiscos no evento do Nadal do Concello, tamén prepararon almorzos e merendas para centros de Día e colexios do municipio, e na clausura dos cursos de Maiores encargáronse de cada detalle. Tamén ofreceron receitas orixinais na festa do Choco, entre outras moitas actividades. O alumnado “formou parte activa de diferentes actos organizados polo Concello porque entendemos que así debe ser, dándolle protagonismo ao seu traballo ao mesmo tempo que se forman, e o resultado foi excelente”, sinalou Rivas.

No caso do Obradoiro de Deseño Gráfico para a Comunicación, o alumnado sorprendeu coa súa creatividade. Os calendarios do Concello de Redondela de 2024 e 2025 levan o seu selo, e tamén moitas campañas institucionais e carteis para diferentes actos. Este alumnado foi tamén o encargado de recoller en imaxes, con fotografías e vídeos, o traballo dos seus compañeiros de cociña, e retrataron as parroquias de Redondela con fermosas imaxes que van servir para a promoción deste municipio. “Desde o Concello tentamos que a súa formación como alumnos-traballadores tivese ese achegamento ao mundo real, aos traballos propios do mercado laboral para que a experiencia fose o máis enriquecedora posible”. A alcaldesa desexoulles “moita sorte” tendo en conta que “contades coa formación, as gañas non vos faltan, e estou segura de que tedes por diante un gran futuro profesional”.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade outorgou ao Concello de Redondela unha subvención de 424.836,96 € para a realización destes obradoiros, cofinanciados polo Ministerio de Traballo e o Fondo Social Europeo.

Compartir