Concello de Redondela

O Concello de Redondela incrementa o importe dos convenios con Lenda e a Asociación Contra o Cancro

– O Concello de Redondela acolleu onte a sinatura dos convenios anuais coa asociación Lenda, á que corresponden 20.000 euros, e coa Asociación Española contra o Cancro, por un importe de 6.000 euros.
– A alcaldesa, Digna Rivas, puxo de manifesto a importancia de apoiar desde o Concello a estes colectivos “que desenvolven unha gran labor social e asistencial da que se benefician moitas familias do noso municipio”.

O Concello de Redondela acolleu onte o acto de sinatura de dous convenios con colectivos que realizan labores sociais e asistenciais no municipio. No caso de Lenda trátase dunha asociación de Saúde Mental que presta atención, asesoramento e información aos enfermos e familiares. Realizan labores de sensibilización e actividades de ocio, obradoiros, viaxes e deportes. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que ademais participan activamente en todas as actividades e eventos que se realizan no municipio. O convenio do Concello con esta asociación incrementouse este ano máis dun 33%, e pasa dos 15.000 euros ata os 20.000 euros. Por outra banda, a Asociación Española contra o Cancro é unha organización sen ánimo de lucro que ofrece atención psicolóxica, sanitaria e social para os enfermos de cancro e as súas familias, ademais de facer unha gran labor de divulgación. A achega do Concello de Redondela con esta asociación increméntase un 50%, ao pasar dos 4.000 do ano pasado aos 6.000 euros do presente exercicio.

A alcaldesa, Digna Rivas, asinou os convenios con Olga Rodríguez Puga, por parte de Lenda, e Amparo Alonso Monteagudo, por parte da Asociación Española contra o Cancro.

Son en total 21 os colectivos e asociacións que reciben este ano do Concello de Redondela 319.500 euros en concepto de subvencións nominativas, un importe que se incrementa en 71.500 euros con respecto ao ano pasado. Entre as entidades beneficiarias hai tres novas: a Asociación Cultural e Deportiva de Rande pola celebración da Batalla de Rande (22.000 euros), a Fundación Érguete (10.500 euros) e o CCD Cesantes pola Bandeira Feminina Cesantes (9.000 euros) .

Outros colectivos que incrementan a subvención con respecto ao ao pasado, ademais de Lenda e a Asociación Española contra o Cancro, con Andaina, Afaga, a Confraría de Redondela, Millo Verde, ACS Chapela Escola de Música, Xente Titiriteira e a Asociación de Empresarios. Outros colectivos e asociacións que reciben subvencións por parte do Concello a través de convenios son Cáritas, Fundación Santa Cruz, Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, ONG Da Man, Fundación Amigos de Galicia, CCD Cesantes Bandeira Redondela, CCD Cesantes Bandeira de Bateis, CR Chapela Bandeira Feminina Chapela e CR Chapela Bandeira Masculina Chapela.

A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que é un compromiso do seu goberno “apoiar a labor que están a realizar as diferentes asociacións e entidades en beneficio da veciñanza redondelá no ámbitos social, económico, cultural ou deportivo”.

Compartir