Concello de Redondela

O Concello de Redondela presenta o orzamento máis alto da historia con 22,6 millóns

– O goberno local levará ao pleno deste mes a aprobación dos orzamentos xerais de 2025, que ascenden a 22.655.106,39 euros. Isto supón un incremento do 12,30 % con respecto ao orzamento anterior.
– A alcaldesa, Digna Rivas, destaca que se trata dun orzamento “para as persoas, cun marcado carácter solidario e social” Trátase dun documento “equilibrado, responsable e sobre todo sostible e xerador de riqueza e actividade económica”.
– Nos últimos 10 anos o orzamento do Concello de Redondela aumentou en 4 millóns de euros euros. A maior subida deuse nos últimos 6 anos cun incremento de 3,4 millóns, o que supón “unha mellor eficiencia e eficacia na xestión dos recursos”.

Redondela presenta un orzamento xeral “adaptado á realidade actual deste Concello” partindo dos principios da eficiencia e eficacia na realización do gasto. A alcaldesa, Digna Rivas, salienta que se trata dun documento “esencial” para seguir prestando servizos á veciñanza “co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida en todos os ámbitos”. Este orzamento preséntase cun importe de 22.655.106 euros, o que supón un aumento de 2.481.665 euros con respecto ao anterior. O incremento é dun 12,30% sobre as contas anteriores, da anualidade 2022, que ascendían a 20.173.441 euros. Nos últimos 10 anos o orzamento do Concello de Redondela aumentou un total de 4.151.217 euros. Rivas explica que o maior incremento rexistrouse nos últimos 6 anos, “cun aumento de 3.473.148 euros, o que supón unha mellor eficiencia e eficacia na xestión dos recursos”.

Rivas amósase satisfeita con este documento que presenta unha cifra “histórica” para a cidadanía “grazas a ter logrado unha liquidación do exercicio 2024 positiva cun remanente de Tesourería de 4,1 millóns de euros”. A situación económica do Concello “está saneada e gozamos dunha estabilidade orzamentaria de 1,7 millóns” explica Rivas.

O obxectivo destas contas é que o Concello de Redondela sexa “unha administración útil para a súa cidadanía, ben xestionada e solvente, que reduce o seu endebedamento e que se rexe polo equilibro orzamentario”. Trátase dun orzamento “para as persoas, cun marcado carácter solidario e social”. O documento é “equilibrado, responsable e sobre todo sostible e xerador de riqueza e actividade económica”, apunta Rivas.

Os Servizos Públicos Básicos é a área que máis aumenta con respecto ao orzamento anterior, cun18% máis, ata os 10.455.000 euros. Esta mellora é posible, entre outras cuestións, grazas a un plan de eficiencia enerxética que permite reducir o gasto de enerxía eléctrica en 500 mil euros con respecto o ano 2024. As contas tamén recollen a suba do canon de Sogama pola recollida do lixo que supón 300.000 euros máis ao ano.

Nova Tarxeta Social

A Políticas Sociais dedícanse 2.819.000 euros. Dentro desta partida increméntase o contrato de Axuda no Fogar, SAF, con 300.000 euros máis, alcanzando 1.520.000 euros para dar resposta ás necesidades das persoas que precisan dunha maior asistencia. Manteranse actividades con moito éxito entre a sociedade, como as de envellecemento activo en todas as parroquias.

Unha das novidades que incorpora o orzamento de 2025 é a Tarxeta Social, que é “unha forma integradora de canalizar axudas asistenciais a persoas e familias en situación de risco de exclusión social”. Para axudar ás familias tamén se duplica a partida para os comedores escolares, equ pasa de 15.000 ata os 30.000 euros, e manterase o servizo de transporte aos institutos para alumnado de Bacharelato financiado polo Concello.

Aposta polas parroquias

Entre as apostas do goberno local está “a mellora da calidade de vida nas parroquias e a súa participación real nas decisións que lle afectan”. Respondendo ás demandas dos colectivos parroquiais a contía para os orzamentos participativos sobe dos 180.000 aos 260.000 euros, o que supón un incremento superior ao 44%. Tamén se incrementa o programa de mellora de camiños municipais nun 20%, co que a partida aumenta dos 190.000 aos 230.000 euros. Soben tamén notablemente as inversións para saneamento, cun 60% máis, co que se amplía a partida desde os 60.000 ata os 100.000 euros. Mantéñense as axudas ás Comunidades de Augas e, como novidade, inclúese unha partida de 30.000 para axudas a particulares que precisen instalar un bombeo para conectarse á rede municipal.

Para convenios con colectivos e asociacións a partida sobe case un 30% e ascende a un total de 319.500 euros, da que se benefician 21 entidades como a Confraría, a Asociación de Empresarios, Andaina, Lenda ou Xente Titiriteira.

En canto ao gasto en investimentos os orzamentos de 2025 reservan case un 10% do orzamento, cunha partida de 2.174.00 euros para o desenvolvemento e mellora de infraestruturas “que xeran un efecto positivo no emprego e a calidade de vida dos cidadáns”.

O orzamento levarase ao pleno deste mes, o 24 de abril, para a súa aprobación. A alcaldesa explicou que este documento trasladóullese aos grupos da oposición a comezos de abril, sen que ata o de agora fixeran achegas ou consultas sobre o mesmo. Rivas fai un chamamento “á responsabilidade” de todos os grupos para sacar adiante estas contas. Lembra a rexedora que, no caso de non aprobarse “habería que adiar investimentos e melloras que son necesarias para a veciñanza”.

Compartir