– A alcaldesa Digna Rivas denuncia “a falta de xestión” do Sergas por parte da Xunta de Galicia. Rivas advirte que tanto no centro de saúde de Redondela como no de Chapela “hai pacientes que non teñen posibilidade de pedir unha cita co médico de familia en todo o mes de xullo”, unha situación que a rexedora considera “intolerable”.
– No caso do PAC de Redondela faltan un total de catro médicos de familia, un pediatra e cinco enfermeiras e enfermeiros, e as analíticas demóranse un mes. Rivas sinala que non poder recibir atención médica no centro de saúde “supón un impacto negativo directo na saúde dos usuarios, moitos deles de idade avanzada ou con enfermidades crónicas”. Esta situación ten outro efecto negativo, que é a saturación dos servizos de urxencias.
A escaseza de persoal sanitario nos centros de saúde de Redondela e Chapela é recorrente, ao non cubrirse en moitas ocasións as baixas, vacacións e outras ausencias dos facultativos. A falta de médicos agrávase un ano máis coa chegada do verán “malia que as necesidades de atención sanitaria por parte dos veciños e veciñas non diminúe”, sinala a alcaldesa Digna Rivas. A rexedora denuncia “a falta de xestión” do Servizo Galego de Saúde por parte da Xunta de Galicia. Rivas denuncia que tanto no centro de saúde de Redondela como no de Chapela “hai pacientes que non teñen posibilidade de pedir unha cita co médico de familia en todo o mes de xullo”, unha situación que a alcaldesa considera “intolerable”. No caso do PAC de Redondela faltan un total de catro facultativos, un pediatra e cinco enfermeiras e enfermeiros. Isto supón que, a día de hoxe, as analíticas se demoren ata o 9 de agosto, case un mes.
A alcaldesa advirte que o feito de non poder recibir atención médica no centro de saúde “supón un impacto negativo directo na saúde de veciños e veciñas, moitos deles de idade avanzada ou con enfermidades crónicas, e que deben recibir atención médica sen soportar demoras de varias semanas”. Esta situación te outro efecto negativo, que é a saturación dos servizos de urxencias, tanto nos PAC como nas urxencias hospitalarias.
Desde o goberno local de Redondela esíxese á Xunta de Galicia unha intervención urxente para solucionar esta grave situación. Desde o Concello advirten que non se trata dun problema puntual por un imprevisto, senón unha falta total de organización e planificación por parte da Xunta nun asunto vital como é a saúde dos veciños e veciñas. “É responsabilidade do goberno galego garantir que a poboación conte cunha asistencia sanitaria suficiente en cada centro de saúde, e non o está a facer”, conclúe a alcaldesa.