O Concello de Redondela acolleu a recepción á futbolista Zaira Martínez, convocada coa Selección Española de Fútbol. A xogadora, que actualmente milita no ED Val Miñor, comezou a xogar ao fútbol nos equipos base de Redondela. Esta temporada forma parte por cuarto ano da Selección Galega. Esta temporada o combinado galego está clasificado para xogar o Campionato de España Fase Ouro. A futbolista, de 14 anos, recibiu o diploma “Orgullo redondelán” e a insignia do Concello de mans da alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Deportes, Iván Valles, como recoñecemento polo seu traballo e méritos deportivos. No acto a xogadora estivo arroupada pola súa familia, entre eles a súa irmá Naiara, tamén futbolista e que milita en As Celtas.
Para a alcaldesa é “un luxo” que este municipio conte con deportistas “tan novas e ao máis alto nivel do fútbol nacional”. Tanto a rexedora como o concelleiro felicitaron a Zaira polos seus logros “que son un exemplo para todas as nenas”. Desde o Concello de Redondela desexámoslle “moita sorte” para o Campionato de España Fase Ouro que xogará esta fin de semana en Zaragoza, no que tamén participa a redondelá Lucía Salceda.