Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

O Festival Internacional de Títeres ofrece 73 actividades con 28 compañías do 13 ao 19 de maio

O Multiúsos da Xunqueira acollerá propostas do arxentino Sergio Mercurio ou La Chana Teatro, gañadora do Premio Max ao mellor espectáculo para público familiar, dentro da programación de sala

Un ‘Aquiles’ xigante de 5 metros de altura e múltiples funcións de teatro de monicreques encherán as rúas e prazas da vila na fin de semana

A 25º edición Festival Internacional de Títeres de Redondela (Memorial Juanjo Amoedo) encherá a vila dos viadutos do mellor teatro e música do panorama internacional, despregando un total de 73 actividades da man de 28 compañías da máis variada procedencia. Así o anunciou o seu director, Luis Crespo, acompañado de Rita Pérez, Concelleira de Cultura; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC); Jorge Cubela, Deputado Provincial de Cultura, e mais Digna Rivas, Alcaldesa de Redondela.

Na presentación desgranáronse as principais novidades da edición deste ano, que se celebrará do luns 13 ao domingo 19 de maio. Así, a programación de sala mudará este ano os destinatarios, con propostas de carácter familiar de luns a xoves, e con espectáculos para adolescentes e adultos na fin de semana. Destaca a presenza nesta edición do arxentino Sergio Mercurio con ‘Viejos’, unha proposta que fala do paso do tempo onde cada personaxe dános unha lección vital, con diálogos cheos de humor e reflexións que escarvan no corazón do espectador. As funcións do espectáculo, previstas para o venres ás 20:00h e o domingo ás 19:00h, serán a únicas representadas na Península Ibérica dentro da súa xira internacional.

Ademais de Sergio Mercurio, o Multiúsos da Xunqueira acollerá ás 20:00h as propostas de Filippo Marionette o luns e martes. As alemás Tangram Kollektiv escenificarán ‘A forma das sombras’ o mércores, con un espectáculo de sombras coas máis variadas técnicas, e o xoves, será a quenda de Lejo con ‘Mans Arriba’, unha montaxe na que o titiriteiro neerlandés creará as máis variadas historias empregando unicamente as súas mans.

O sábado, a programación de sala engalanarase para recibir ‘Blancanieves’ de La Chana Teatro, gañadora do Premio Max 2023 ao Mellor Espectáculo para Público Infantil.

Un xigante de cinco metros e títeres na rúa

Ademais da programación de sala, e as funcións escolares programadas de luns a venres no Auditorio Piñeiral do Crego de Chapela e no da Xunqueira en Redondela, xa fin de semana, o teatro e a música tomará as rúas coas actividades enmarcadas dentro da programación de rúa. Compañías como as galegas Xirapaus, Títeres Alakrán, Mircromina, Trécola, Viravolta, Paporrubio, e Tanxarina escenificarán os seus espectáculos nas prazas e rúas da vila, ademais de propostas de Mutis Teatro, de Castela-León; El Espejo Negro, de Andalucía; Rui Sousa, de Portugal ou os mexicanos de Grupo Saltimbanqui.

Ademais dos escenarios habituais, nesta edición instalarase o teatro portátil dos franceses de Théâtre Jaleo ao lado do palco da música, onde interpretarán ‘Edén’, unha peza de 60 minutos que mestura cabaré, nove títeres e os sete pecados capitais. Tamén os galegos de Teatro Ó Cubo, en coprodución co Centro Dramático Galego, escenificarán na Praza do Concello ‘De Vilatriste a Vilalegre’, unha montaxe desenvolvida nun peculiar escenario con rodas chamado A Utópica Rodante.

Os itinerantes estarán protagonizados polo ‘Aquiles’ dos valencianos de La Fam Teatre, un títere xigante de 5 metros de altura que percorrerá a rúa principal da vila o sábado ás 21:00h e o domingo, ás 20:00h. Este espectáculo, de 60 minutos de duración, ten un enorme impacto visual que deixará fascinados a todos aqueles que se acheguen a ver como o particular Aquiles conta a súa historia.

Canda os valencianos, os cántabros de MG Producciones traerán os seus ‘Granujas a todo ritmo’, unha proposta composta por uns músicos moi pillabáns que fan troulear ao público ao son do Rhytm’n Blues, acompañados por dous xigantes chamados Jack e Ellwood, que animarán a bailar ao público o sábado ás 18:00h e ás 20:00h; e xa o domingo ás 13:30h, 17:00h e 19:00h.

Troula percorrerá as rúas Afonso XII-Ribeira o domingo ás 18:00h co ‘Estraño caso do dentista da rúa Brasov’, contando a historia dun dentista que percorre co seu carromato vilas e cidades buscando clientes para a súa consulta ambulante.

Música, Feira de Imposibles e Ruada Participativa

En canto á música, abrirase un novo espazo, o ‘Xan Carallás’, -na Alameda, fronte a estatua do fundador de Redondela- que este ano homenaxeará aos homes-orquestra, con actuacións de Pulpiño Viascón o venres, co espectáculo ‘Dellecopé’ e o domingo con ‘Trikimachín’ e Ce orquestra pantasma, con ‘A Voar’ o sábado. The Turre’s Band, Kedirán e CantaTorrella porán tamén as notas musicais a esta edición do Festival.

A Praza de Ponteareas acollerá o venres e domingo, en horario de 12:00h a 14:00h e de 17:00h a 20:00h, a instalación de Civi-Civiac ‘A Feira dos Imposibles’, unha proposta de xogos de participación, onde o público gozará dun mundo máxico onde nada é o que parece. Guiados por dous pícaros personaxes, os cativos poderán descubrir 25 elementos -a cabalo entre o mundo do ilusionismo e o teatro-, como dispositivos de enxeño, caixas misteriosas, caleidoscopios, cadros de dobre visión e un sinfín de ilusións ópticas.

Todas as actividades complementaranse, como xa é habitual, cos títeres pola gorra, o mercadiño titiriteiro, e a Ruada participativa, que este ano, baixo o nome ‘A brincadeira das mouras’, percorrerá as rúas do casco vello redondelán onde os protagonistas serán os trasgos, fadas e gnomos, e onde se animará a todos os participantes a vir disfrazados de personaxe fantástico. Os encargados de animar o paseo interactivo serán Antía Migueroa, Marcial I. Amoedo, MG Producciones, Barafunda e Troula.

Exposicións nos escaparates e ‘Historia dun cartel’

Redondela rende homenaxe a Títeres Alakrán amosando parte dos seus 20 anos de andaina nos escaparates do comercio local. Dende o día 4, e ata o 26 de maio, estarán instalados os principais monicreques empregados pola compañía galega nas cristaleras de La Nube, Copy Redondela, Pastelería Filo, Café da Vila, Barbería Juan Crespo, Tien-21, Cal-3, La Imprenta e DiscoTasca, cunha instalación especial no antigo Kiosko Cocó.

Ademais, o polifacético artista redondelán ‘O Pastor’ presentaranos na sala de exposicións do Multiúsos da Xunqueira ‘Historia dun cartel’, onde amosará como foi desenvolvendo e compoñendo os 25 carteis e personaxes do Festival, nunha exposición que deixa ver o seu particular proceso creativo, e que se poderá ver do 10 ao 19 de maio de 17:00h a 20:00h.

Horarios de billeteira e posto de camisolas

O venres 10 abrirase a venda de entradas anticipada para os espectáculos de sala e as camisetas no Multiúsos da Xunqueira, de 17:00h a 20:00h. O sábado 11, poderanse adquirir camisetas de 12:00h a 14:00h e xa pola tarde, de 17:00h a 20:00h, tanto entradas como camisetas, así como o domingo, durante todo o día, de 12:00h a 14:00h e de 17:00h a 20:00h. O prezo dos billetes será de 7€ prezo único.

Xa durante o festival, a billeteira abrirá de luns a sábado de 18:00h a 20:00h, e o domingo de 17:00h a 19:00h. O posto de camisolas, tamén no Multiúsos, abrirá de luns a xoves de 18:00h a 21:30h; o venres e sábado de 12:00h a 14:00h e de 17:00h a 21:30h, e o domingo, de 13:00h a 14:00h e de 17:00h a 21:30h.

Compartir