Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

O novo apeadeiro do tren mellorará a mobilidade entre Chapela e Redondela

O novo apeadeiro da parroquia de Chapela situarase na contorna da pista deportiva coñecida como “Campito”, preto da Alameda Rosalía de Castro, e contará cunha plataforma de 220 metros.

– A alcaldesa, Digna Rivas, valorou dun xeito moi positivo este anuncio que devolve a esta parroquia o apeadeiro que a veciñanza leva anos demandado“e que facilita os desprazamentos entre Chapela e Redondela, así como as conexións desde o noso municipio con Vigo e Pontevedra”.

– O subdelegado do Goberno, Abel Losada, explicou que o Ministerio de Transportes fará un investimento de 48,8 millóns de euros para modernizar este tramo de ferrocarril coa renovación da estación de Redondela.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o subdelegado do Goberno, Abel Losada, visitaron a zona onde se vai crear o novo apeadoiro de Chapela. Será na contorna da pista deportiva coñecida como “Campito”, nas proximidades da Alameda Rosalía de Castro. O novo apeadeiro terá unha plataforma de 220 metros, e a parroquia de Chapela contará así cunha parada ferroviaria para o tren Rexional que parte desde Vigo-Guixar. A alcaldesa, Digna Rivas, valorou dun xeito moi positivo este anuncio “que devolve á esta parroquia o apeadeiro que a veciñanza leva anos demandado”. A nova parada de tren “vai facilitar moito os desprazamentos entre Chapela e Redondela, así como as conexións desde o noso municipio con Vigo e Pontevedra”, afirma Rivas. A rexedora sinalou tamén que este novo apeadeiro do ferrocarril “sitúase nunha zona moi céntrica da parroquia, e vai dar servizo a moitos veciños e veciñas para os seus traslados diarios tanto a Redondela como a Vigo ou Pontevedra dun xeito cómodo e rápido”. Losada explicou que o Ministerio de Transportes do Goberno de España fará un investimento total de 48,8 millóns de euros para a modernización do tramo de ferrocarril entre Redondela e a estación de Vigo Guixar. O proxecto inclúe, ademais do novo apeadeiro de Chapela, a renovación da estación de Redondela “onde se construirá unha nova plataforma e marquesiña central, así como un novo paso inferior entre plataformas para mellorar a accesibilidade da estación”. Tamén se investirá en seguridade, con novos programas máis modernos como o sistema Asfa dixital e a instalación doutro sistema que detecta a presenza doutro convoi no tramo e integraranse no control de tráfico centralizado (CTC).

Visita dos Afectados da AP9

O subdelegado do Goberno recibiu a pasada semana en Pontevedra aos integrantes da Plataforma de Afectados da AP9 de Chapela, nunha xuntanza na que participaron tamén a alcaldesa Digna Rivas, o concelleiro de Urbanismo Antonio Cabaleiro, o xefe provincial da Demarcación de Estradas do Estado, Pablo Domínguez e técnicos da concesionaria da AP-9, Audasa. Losada explicoulles as características das pantallas acústicas que se van instalar en Chapela para mitigar o ruído da autoestrada. Irán cimentadas a base de micropilotes para dar a rixidez necesaria para soportar o “efecto vela”. Ademais trátase de “estruturas transparentes e deseñadas cos máximos criterios de integración estética e paisaxística”. O proxecto será sometido pronto a licitación cun orzamento que rondará os 11 millóns de euros. Os técnicos deron conta de que existe unha lexislación estatal sobre ruído e que nas beiras da AP-9 localizáronse as zonas sensibles. En Chapela fíxose precisamente “a raíz das peticións veciñais”. A alcaldesa, Digna Rivas, lembrou que desde o Concello de Redondela “sempre foron da man dos colectivos veciñais, e ata en dúas ocasións fixéronse alegacións ao proxecto”.

Finalmente, Abel Losada deu conta de que esta actuación pertence a un proxecto que engloba dende Santa Cristina de Cobres (Vilaboa) ao límite con Vigo e xa está tamén en redacción o tramo correspondente a Teis, na entrada á cidade olívica.

Compartir