Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

O Programa Integrado de Emprego de Redondela acada un 60% de insercións laborais 5 meses antes do seu remate

– O programa conta con 100 participantes e ten unha duración dun ano, de xaneiro a decembro. “A día de hoxe xa son 60 os participantes que teñen traballo, polo que todo apunta a que o resultado de cara a final de ano será un éxito”, sinala a alcaldesa Digna Rivas.

Outros programas cos que o Concello promove a integración laboral son os Obradoiros de Emprego. Na especialidade de “Carpintería de ribeira” o alumnado está a restaurar o emblemático bote Manuel. Unha vez rematado o bote quedará exposto no museo Meirande para poñer en valor este patrimonio redondelán”, anunciou o alcaldesa.

O programa integrado de Emprego do Concello de Redondela comezou a súa andadura o pasado mes de xaneiro e rematará en decembro, pero cinco meses antes da súa finalización xa arroxa unhas cifras de ocupación moi positivas. “O programa conta con 100 participantes e a día de hoxe xa son 60 os que teñen traballo, polo que todo apunta a que o resultado de aquí a final será todo un éxito”, sinala a alcaldesa Digna Rivas. Estes programas céntranse en promover a inserción laboral e a mellora da empregabilidade de 100 demandantes de emprego de Redondela. Desde xaneiro realizáronse multitude de actividades formando aos participantes en competencias dixitais, preparación de entrevistas, atención ao cliente, manipulación de alimentos e xestión de almacén, entre outras actividades. “Todos os demandantes de emprego recibiron orientación laboral personalizada, 22 deles realizaron prácticas en empresas, tramitáronse máis de 130 ofertas, e a día de hoxe xa hai 60 persoas traballando”. O Programa Integrado de Emprego está financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o Servizo Público de Emprego Estatal co cofinanciamento do Concello de Redondela.

O Obradoiro de emprego restaura o bote Manuel e creará unha réplica

Outros programas cos que o Concello de Redondela promove a formación e a integración laboral son os Obradoiros de Emprego. A alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Emprego, Antonio Cabaleiro, visitaron onte os obradoiros que se realizan no Pazo de Pousadouro nas especialidades de “Carpintería de ribeira” e de “Xardinería forestal e agricultura ecolóxica”. A modalidade de carpintería de ribeira é unha aposta “innovadora” na que se forman 10 alumnos e alumnas “encargados da recuperación do emblemático bote Manuel, unha embarcación tradicional da enseada de San Simón dos anos 30 do século pasado”, explica Rivas. Este bote, ademais de ser utilizada para pesca, tamén abastecía de víveres e roupa á illa de San Simón cando foi prisión. “Con esta restauración poñemos en valor este importante elemento do noso patrimonio, que quedará exposto no museo Meirande”, anunciou Rivas. Ademais o alumnado do obradoiro construirá unha réplica do bote que se poderá botarse ao mar e empregarse para cruzar a enseada de San Simón.

Os 10 alumnos e alumnas de xardinería forestal e agricultura ecolóxica realizan traballos nas fincas da Coutada e do camiño da Vía Vella, entre outros, e cultivan unha horta ecolóxica cuxos produtos son doados a Cáritas. O concelleiro de Emprego sinala que tamén están a ter un gran éxito os dous Programas de Emprego de garantía xuvenil, nas modalidade de “Hostalaría e Cociña” e de “Deseño Gráfico para a Comunicación”, con 8 alumnos e alumnas en cada especialidade.

Compartir