Concello de Redondela

O servizo de Liña Verde recolleu 4.400 incidencias en 2024, das que se resolveron máis dun 85%

– Ao longo de 2024 o servizo de Liña Verde do Concello de Redondela recibiu un total de 4.409 incidencias, a maioría correspondentes aos departamentos de Alumeado Público e Vías e Obras. No caso do alumeado solucionáronse 1.900 avarías. No servizo de Vías e Obras máis dun 85% das demandas están resoltas.
– O concelleiro Roberto Villar fai un balance positivo dos traballos realizados este ano e sinala que a inmensa maioría das obras e reparacións, un 86%, realízanse nas parroquias. O edil sinala que os datos poñen de manifesto que «ese mantra do PP de que as parroquias están abandonadas non é certo”.

A concellería de Infraestruturas e Sostibilidade, que dirixe Roberto Villar, fai un balance positivo do funcionamento do servizo de Liña Verde ao longo deste 2024. Esta aplicación permite á veciñanza comunicar incidencias sobre o alumeado público, vías e obras ou o saneamento, entre outros asuntos. Desde xaneiro ata decembro de 2024 recolléronse 4.409 incidencias, unha media de 18 diarias. Villar explica que a maioría das solicitudes corresponden aos servizos municipais de Alumeado Público (2.117) e ao de Vías e Obras (1.649). O resto pertencen ao servizo de Abastecemento e Saneamento de auga, con 100 incidencias, ou ao de Xestión de Residuos, con 543 casos.

Villar sinala que neste ano o departamento resolveu unha media de 16 incidencias diarias, tanto en cuestión de obras e mantemento de camiños, como problemas das redes municipais de augas, arranxos de edificios públicos ou e alumeado. No caso das incidencias recollidas en Vías e Obras, un 85% dos traballos quedaron resoltos. Foron obras de asfaltado, arranxos en beirarrúas e mobiliario urbano, edificios públicos, escolas unitarias, etc.

O servizo municipal de electricidade solucionou este ano 1.900 incidencias, un 87% do total recibidas. Na maioría dos casos son reparacións no alumeado público e servizos municipais, así como a instalación eléctrica en eventos culturais e festas parroquiais.

O edil sinala tamén que hai ducias de solicitudes que se reciben pola Liña Verde e que «non corresponden a ningún servizo municipal, por tratarse de obras que son competencia doutra administración ou corresponden a propietarios particulares”.

As incidencias relacionadas co servizo de Auga e Saneamento foron 100 este ano. A maioría dos traballos centráronse en reparacións das redes de augas pluviais, coa instalación de novas canalizacións como no camiño da Barronca ou a rúa Hospital, e o arranxo de redes en mal estado, instalación de reixas para evitar inundacións, etc. Un 17% dos casos deriváronse a Aqualia, xa que son responsabilidade da empresa concesionaria.

En canto á Xestión de Residuos, un 82% das incidencias xa están resoltas, o que supón unha media de 37 ao mes. Na maior parte dos casos trátase de residuos voluminosos que se depositan na vía pública fóra do horario establecido. Tamén se rexistran vertidos incontrolados como cascallos de obra, pneumáticos, aceite ou pezas de automóbiles. Neste caso son residuos “que está prohibido deixar na vía pública”, advirte Villar.

Roberto Villar fai un balance positivo dos traballos realizados este ano no seu departamento, malia as limitacións de persoal que existen. Sinala tamén que a inmensa maioría das obras e reparacións, un 86% do total, realizáronse nas parroquias. O edil sinala que os datos «botan por terra as críticas do Partido Popular e o seu mantra de que as parroquias están abandonadas, e que só busca desgastar ao goberno local”.

Compartir