Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

O VI Torneo de Esgrima Histórica Vila de Redondela contará con máis de 50 participantes de toda España e Portugal

O vindeiro sábado 22 de xuño daranse cita no pavillón da Marisma máis de 50 esgrimistas no VI Torneo de Esgrima Histórica Vila de Redondela, que organizan a Sala Viguesa de Esgrima e a concellaría de Deportes do Concello de Redondela.

Desde a organización confían en que esta edición sexa todo un éxito, como xa o foi a anterior, tanto para os participantes como para o numeroso público que asistiu durante todo o día. Damián Troncoso, director técnico da Sala Viguesa de Esgrima Antiga, explica que ano tras ano “o evento aumenta o seu poder de convocatoria e xa hai inscritos tiradores de todas partes de España e Portugal con máis de 50 participantes”. Isto é debido a que o Torneo Vila de Redondela é puntuable para a liga Galega e os seus resultados clasifican aos participantes para o ranking mundial de HEMA, “polo que esta cita de Redondela é xa un referente da esgrima histórica a nivel nacional”.

O concelleiro de Deportes, Iván Valles, sinala que este torneo “é unha ocasión única para poder gozar de combates medievais e renacentistas desta arte marcial europea, que ofrece un espectáculo moi visual e entretido”. O edil anima a veciñanza a achegarse ao pavillón para presenciar o torneo “porque os que xa coñecen esta modalidade deportiva van asistir a un evento de gran nivel, e os que a vexan por primeira seguro que se van sorprender”.

O torneo celebrarase nas tres disciplinas principais das Artes Marciais Históricas Europeas: a espada medieval e o escudo broquel, a espada ropera dos séculos XVI e XVII e, xa pola tarde, a espada longa a dúas mans dos cabaleiros de armadura completa.

A entrada é libre e gratuíta, e as competicións desenvolveranse entre as 10.00 e as 19.00 horas no pavillón municipal da Marisma.

Programación:

10:00 – Torneo de Espada medieval e escudo Broquel

12:00 – Torneo Espada Ropera

16:00 – Torneo de Espada Longa a dúas mans

19:00 – Entrega de Trofeos

Compartir