Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

O xulgado dá a razón ao Concello de Redondela sobre a titularidade pública do acceso ao aparcadoiro de Vilavella

O Xulgado do Contencioso 1 de Vigo ditou sentenza firme pola que se rexeita a demanda de Investimentos Intermundial SL contra o Concello polo vial de acceso ao aparcadoiro de Vilavella. Trátase da rampla que permite a entrada desde a rúa do Muro, un espazo do que a empresa reclamaba a titularidade. A sentenza desestima a demanda de Investimentos Intermundial SL e confirma que o Concello actuou en base ás informacións do Catastro, que establecen que “este vial é público tal como consta no Inventario Municipal de bens”. A sentenza, que non é apelable, sinala que toda a documentación e as declaracións de testemuñas reforzan a postura municipal, que defendía este viario como de titularidade pública.

A alcaldesa, Digna Rivas, amosou a súa satisfacción por esta sentenza “que dá a razón ao Concello e establece que este acceso ao aparcadoiro é público, propiedade municipal, e polo tanto patrimonio de todos os veciños e veciñas”. A rexedora sinala que, malia que no seu momento se puxo en dúbida publicamente a viabilidade do aparcadoiro, o xuíz vén a dar a razón ao goberno local, que sempre mantivo “que o proxecto era correcto e que este vial de acceso é público”, como agora recoñece esta sentenza.

O aparcadoiro disuasorio de Vilavella foi un dos grandes proxectos do goberno de Digna Rivas e completa a transformación da entrada a Redondela, xunto a remodelada praza de Ponteareas. Dotar a zona dun novo estacionamento repercute tamén de xeito positivo no resto da vila ao reducir a cantidade de vehículos que transitan polo núcleo urbano. O derrube da nave que se situaba na parcela e a creación do aparcadoiro pon en valor o convento, elimina barreiras arquitectónicas e mellora a relación do espazo co río Maceiras. O estacionamento disuasorio, que conta cunha superficie de 3.896 m², ofrece 110 prazas para coches, así como prazas de motos e bicicletas.

Compartir