Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

Os actos vandálicos custan ao Concello máis de 65.000 euros ao ano

Os comportamentos incívicos supoñen un gasto para arcas municipais que superan os 65.000 euros ao ao. Tanto a concellería de Infraestruturas e Sostibilidade como a de Parques e Xardíns deben afrontar reparacións e substitucións de elementos que rompen a consecuencia de actos vandálicos ou un mal uso do mobiliario urbano. O concelleiro Roberto Villar lamenta “o prexuízo que estes actos irresponsables están á causar á cidadanía e ás arcas públicas”. O seu departamento supera os 50.000 euros ao ano en gastos derivados da rotura de mobiliario urbano, balaustradas, sinais de tráfico, e mesmo o roubo de vallas municipais. Outro dos problemas son as pintadas en marquesiñas e noutros espazos públicos que supoñen un importante gasto de limpeza. Tamén se teñen rexistrado ataques reiterados contra as luminarias da vía pública, con varios casos de roturas en lámpadas de farois causadas por disparos de escopetas de aire comprimido.

Desde a concellería de Parques e Xardíns, que dirixe Pedro Villaverde, os actos de vandalismo afectan especialmente aos parques infantís do municipio. Os situados en zonas céntricas e urbanas son os que sofren máis ataques, como é o caso dos parques do paseo da Xunqueira, da Alameda Castelao, ou os da Alameda Rosalía de Castro e o do Piñeiral do Crego en Chapela. O gasto por reparar e substituír elementos de xogo rotos ou en mal estado por causa de actos vandálicos é duns 15.000 euros ao ano. Os danos nos xogos veñen derivados de ataques intencionados e tamén polo un mal uso dos elementos de xogo “que están deseñados para o uso infantil, e rompen cando son empregados por rapaces maiores ou adultos”. En numerosas ocasións aparecen rotos balancíns e columpios e elementos de suxeición dos xogos que obrigan a precintalos ata que son substituídos ou reparados. Villaverde lamenta que este tipo de actos vandálicos se estean a producir de xeito recorrente “xa que estas reparacións supoñen un gasto importante para as arcas municipais”. No caso dos elementos rotos nos parques infantís, estes actos supoñen ademais “un prexuízo para os nenos e nenas que se ven privados destes xogos ata que podemos arranxalo”, engade o concelleiro. En canto ás zonas axardinadas tamén se dan roubos e roturas de plantas ornamentais e árbores, que deben ser respostas con cargo ás arcas municipais.

Chamamento á colaboración cidadá

Desde o goberno local de Redondela sinalan que estes ataques “xeran unha imaxe negativa do municipio” e advirten que os investimentos que se realizan con fondos públicos para mellorar os diferentes espazos “non serven de nada por este tipo de accións incívicas”. Desde o Concello faise un chamamento á responsabilidade e a colaboración cidadá “para denunciar calquera actividade sospeitosa e protexer o patrimonio público que é de toda a cidadanía”.

O goberno local lamenta o uso partidista que desde o Partido Popular de Redondela se está a facer dos actos vandálicos, “facendo difusión nas súas redes sociais destes actos incívicos sen condenalos e dándolle publicidade, que é o que buscan os autores”.

Compartir