Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

Os muíños e lendas río Fondón abren o programa de Roteiros Ambientais do mes de agosto

– A programación de agosto inclúe unha ducia de saídas de ecoturismo, con paseos diúrnos e nocturnos por espazos de gran valor natural, cultural e paisaxístico como os ríos Fondón e Pexegueiro, a enseada de San Simón ou O Viso.

Os concelleiros de Turismo, Rita Pérez Táboas, e Sostibilidade, Roberto Villar, animan tanto á veciñanza de Redondela como aos visitantes a participar nestas actividades organizadas para público de todas as idades. Todas son de balde, agás as saídas en kaiak e a actividade “starlight”.

Logo do éxito das actividades de ecoturismo celebradas ao longo do mes de xullo, as concellerías de Turismo, Sostibilidade e Medio Ambiente poñen en marcha o programa de saídas para o mes de agosto. Serán en total doce actividades nas que se combina turismo, cultura e ecoloxía. Como novidade, no mes de agosto realizaranse saídas nocturnas polo río Pexegueiro e tamén observacións dende o Miradoiro de Outeiro Grande. As rutas polo río Fondón, o litoral de Cesantes, saídas en kaiak pola enseada ou citas para a observación de estrelas completan a programación.

A primeira saída será este sábado, 3 de agosto, cunha ruta nocturna polo río Fondón. Os participantes partirán ás 21.30 horas do campo de fútbol de Trasmañó para facer un percorrido pola beira do río. Esta actividade, cultural e medioambiental, é de balde, e pode participar público de todas as idades. Un guía especializado explicará a riqueza medioambiental da zona e o seu patrimonio cultural e etnográfico. Visitarán os muíños ao longo do río e os petróglifos de Monte Penide, e poderán escoitar as lendas e costumes tradicionais relacionadas con este fermoso enclave cunhas espectaculares vistas panorámicas sobre a ría. Esta mesma actividade repetirase o venres 30 de agosto.

O venres, 9 de agosto, haberá unha ruta nocturna para coñecer “Os tesouros do río Pexegueiro”, unha das novidades do programa de ecoturismo deste verán. Os muíños, regatos e lendas serán os protagonistas desta actividade, que se realiza en colaboración co Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy. A saída será ás 21.30 horas desde a rúa A Pantalla. Esta mesma actividade repetirase o venres 23 de agosto.

A praia da Punta e a riqueza litoral de Cesantes será outro dos destinos dos roteiros ambientais, cun paseo diúrno o 11 de agosto e outro nocturno o día 17.

O 15 de agosto a cita será en Chapela cunha ruta ambiental polo río Fondón, de 10.00 a 13.00 horas, con saída desde o CEIP Igrexa.

Os xogos de orientación e aventuras chegarán o 16 de agosto con “Orientaventura en Cesantes”, unha actividade dirixida á rapazada de entre 7 e 16 anos.

O Miradoiro de Outeiro Grande, no Viso, será o protagonista doutra das actividades deste mes de agosto. Neste enclave, cunhas vistas panorámicas privilexiadas sobre a enseada de San Simón, realizarase unha observación nocturna xeográfica e natural da ría de Vigo desde. Será o 18 de agosto ás 21.00 horas.

En agosto haberá dúas saídas en kaiak, a primeira o 6 de agosto pola enseada para coñecer os fondos mariños e a contorna da illa de San Simón. A segunda será o mércores 28 de agosto cun percorrido polos segredos da Portela e zona da Regasenda.

A programación rematará o sábado 31 de agosto cunha actividade de observación do ceo nocturno para toda a familia. Será no campo de fútbol da Gándara, no Viso, de 21.30 a 23.00 horas.

A concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez Táboas, destaca a “transversalidade” destas actividades “que apostan polo turismo ambiental, sostible e responsable con saídas para coñecer o espectacular patrimonio natural e cultural de Redondela”. O concelleiro de Sostibilidade, Roberto Villar, sinalou que o obxectivo destas actividades é “poñer en valor os recursos naturais de Redondela e tamén concienciar á veciñanza e ás persoas que nos visitan da importancia de respectar estes espazos naturais e axudar a conservalos”.

Todas as actividades son de balde, agás as saídas en kaiak, que teñen un prezo bonificado de 20 euros, e a observación do ceo nocturno, cun prezo de 3 euros.

Para participar nestas actividades é preciso facer a inscrición previa na oficina de turismo, no teléfono 986 40 17 13 ou no enderezo electrónico turismo@redondela.gal.

Compartir