O Concello de Redondela acolleu onte a recepción aos pilotos Alex e Theo Gourdon Rafael do Team GR Husqvarna, equipo creado polos propios deportistas redondeláns. Os dous irmáns, de 17 e 19 anos respectivamente, acadaron esta temporada grandes éxitos a nivel nacional e internacional. Hoxe recibiron o diploma “Orgullo redondelán” e a insignia do Concello de mans da alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Deportes, Iván Valles, como “recoñecemento e homenaxe” polo seu traballo e méritos deportivos. Para a alcaldesa é “un luxo” que este municipio conte con deportistas “ao máis alto nivel do motociclismo nacional e internacional nunha disciplina tan esixente” e auguroulles moitos éxitos no futuro tanto a Alex como a Théo.
Alex Gourdon Rafael é Campión de España de motociclismo de supermotard 2024, sendo o primeiro piloto galego en conseguir esta fazaña. Théo Gourdon Rafael foi terceiro na xeral. Alex proclamouse ademais subcampión de Europa FIM 2024 na proba celebrada no circuíto de Busca (Italia) en xuño 2024.
O TEAM GR Husqvarna, no seu primeiro ano de vida, conseguiu o título de Campión de España, Subcampión de Europa FIM e estar no TOP 5 do Campionato de Italia, sendo o primeiro equipo galego que acada estes éxitos.