Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

Os traballos de roza limparon xa máis de 138 quilómetros de camiños municipais

Os traballos de roza dos camiños municipais contratados polo Concello de Redondela remataron xa nas parroquias de Cesantes, Cabeiro, Trasmañó e Vilar. Esta semana quedarán rematados tamén no Viso e Chapela. En total son 138,75 quilómetros de camiños rozados desde que comezaron os traballos no mes de xuño.

– A limpeza das cunetas realízase nunha segunda fase con maquinaria especializada e retírase o lixo acumulado para permitir unha boa evacuación da auga.. Actualmente a brigada traballa en Vilar, e proseguirá polo resto de parroquias en vindeiras semanas. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que son uns traballos “moi necesarios” xa que hai máis dunha década que non se facía unha limpeza a fondo das cunetas.

No mes de agosto rematará a primeira fase de roza e limpeza en todas as parroquia. En setembro comezará a segunda limpeza anual, que se prolongará ata novembro. Rivas destaca que “por primeira vez as tarefas de roza e limpeza faranse dúas veces ao ano en todos os camiños públicos de Redondela”.

Os traballos de roza e limpeza de camiños municipais están a realizarse por fases nas diferentes parroquias de Redondela. A empresa Naturgalia, adxudicataria do servizo, rematou xa as rozas nas parroquias de Cesantes, Cabeiro, Trasmañó e Vilar. Esta semana quedarán rematados tamén no Viso e Chapela. En total son 138,75 os quilómetros rozados e limpos desde que comezaron os traballos no mes de xuño. Ao longo desta semana as brigadas realizarán traballos de roza e limpeza na parroquia de Quintela. No vindeiro mes de agosto os operarios desprazaranse a facer as rozas ás parroquias de Santo Estevo de Negros, Ventosela, Reboreda, Saxamonde e Cedeira.

Limpeza a fondo das cunetas

A limpeza das cunetas realízase nunha segunda fase con maquinaria especializada. A brigada retira todo o lixo acumulado nas beiravías para permitir unha boa evacuación da auga. Os operarios limpan os caños e sistemas de drenaxe obstruídos por vexetación ou outros residuos. Isto evitará atascos e facilitará a evacuación da auga da chuvia. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que se trata duns traballos “moi necesarios” xa que hai máis dunha década que non se realizaba unha limpeza a fondo das cunetas. A alcaldesa, xunto cos concelleiros Pedro Villaverde e Iria Vilaboa supervisou esta mañá a limpeza das cunetas que está a realizarse actualmente en Vilar, e proseguirá polo resto de parroquias nas vindeiras semanas.

Segunda limpeza anual en setembro

Por primeira vez as tarefas de roza e limpeza faranse dúas veces ao ano en todos os camiños públicos de Redondela. A primeira fase, que comezou en xuño, rematará en agosto. A segunda limpeza anual realizarase entre os meses de setembro e novembro. “O obxectivo deste contrato histórico é que todos os camiños das parroquias e as súas marxes estean en perfectas condicións todo o ano”, explica Rivas. Trátase dunha “aposta decidida” da rexedora local “pola mellora da calidade de vida nas parroquias” cun servizo de limpeza que se foi ampliando e mellorando nos últimos anos. O contrato, por dous anos, licitouse á empresa Naturgalia por un importe de 989.268 euros. O contrato podería prorrogarse dous anos máis, de xeito anual, ata un importe máximo de 1.978.536 euros para os catro anos.

Compartir