Concello de Redondela

Recoñecemento “Orgullo redondelán” ás xogadoras e xogadores da Selección Galega no CESA 2025

– A alcaldesa, Digna Rivas, destacou “o gran papel” das xogadores e xogadores de Redondela neste campionato estatal “froito do excelente traballo que fan ao longo de todo o ano os clubs locais SAR, BM Chapela e Choqueiras”.
-Na xornada do 8M a rexedora puxo en valor “o auxe do deporte feminino en Redondela, e nomeadamente no balonmán, onde as licenzas femininas superan ás masculinas”. Desde o Concello amosan “todo o apoio ao deporte redondelán”.

O Concello celebrou unha recepción para o grupo redondelán que participou no Campionato de España de Seleccións 2025 en Cataluña, con grandes éxitos para os equipos galegos. Da man da alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Deportes, Iván Valles, recibiron o diploma “Orgullo redondelán” e a insignia do Concello como “recoñecemento e homenaxe” polo seu traballo e méritos deportivos. Deste gran grupo forman parte xogadores e xogadoras dos tres clubs redondelán. Participaron pola SAR Daniela Fernández, Daniela Figueroa, Daniela Míguez, Karla Fernández, Noa Portela, Candela Martínez, Alba Pérez e Julia González, xunto coas técnicas Carla Abad e Nerea Bouzón. Do BM Chapela os seleccionados foron Ángela Sánchez, Óscar González e Nicolás e Lois Alonso. Por parte das Choqueiras participou Adriana Bouzón.

A alcaldesa destacou “o gran papel” das xogadores e xogadores de Redondela neste campionato estatal “froito do excelente traballo que fan ao longo de todo o ano os clubs locais SAR, BM Chapela e Choqueiras”. Nesta xornada do 8M a rexedora puxo en valor “o auxe do deporte feminino en Redondela, e nomeadamente no balonmán, onde as licenzas femininas superan ás masculinas” e amosou “todo o apoio” do Concello ao deporte local. De feito, co gallo do 8M, onte celebrouse o encontro “Xuntas no deporte” con mulleres directivas dos clubs redondeláns en diferentes disciplinas coa participación de Paula Fernández (Club Baloncesto Redondela), Déborah Bouzón (CBF As Choqueiras), María González (BM Chapela), Vicky Ricón (CD Choco), Ana Romasanta (Asociación Deportiva CAR) e Carla Abad (Federació Galega de Balonmán).

Éxito do balonmán galego e redondelán no CESA 2025

O Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA 2025), celebrado en Cataluña, deixou grandes resultados para a Selección Galega, que contou con esta nutrida participación de representantes de Redondela en diversas categorías e no corpo técnico.

A categoría cadete masculina logrou a medalla de prata. Lois e Nicolás Alonso, e Óscar González tiveron un papel clave neste éxito, xunto coas técnicas Carla Abad e Nerea Bouzón. O equipo infantil feminino foi bronce coas xogadoras redondelás Daniela Fernández, Daniela Míguez, Daniela Figueroa, Karla Fernández e Ángela Sánchez. Por outra banda, a Selección Galega infantil masculina acadou o bronce coa participación de Javier, xogador redondelán que milita no Culleredo. O equipo xuvenil feminino rematou no sexto posto coas xogadoras Alba Pérez e Julia González.

O equipo cadete feminino tamén alcanzou a medalla de prata na Copa coas representantes redondelás Adriana Bouzón, Noa Portela e Candela Martínez. O concelleiro de Deportes sinalou que, con estes resultados, o balonmán de Redondela “reafirma a súa posición como un dos grandes referentes desta disciplina en Galicia grazas ao talento e ao esforzo tanto de xogadoras e xogadores como do equipo técnico”.

Compartir