Concello de Redondela

Redondela acolle a exposición «Castelao grafista (facsímile)»

– No marco da conmemoración no 2025 do Ano Castelao, Afundación homenaxea ao insigne intelectual e político galego con esta mostra, incluída no seu programa «Corrente cultural», desenvolvido en colaboración con ABANCA e os diferentes concellos galegos. Poderá visitarse ata o 25 de xuño na Sala de Exposicións I do Multiusos da Xunqueira.

O Concello de Redondela, ABANCA e Afundación, a Obra Social de ABANCA, inauguraron onte, na Sala de Exposicións I do Multiusos da Xunqueira, a mostra «Castelao grafista (facsímile)». Ao acto asistiron a alcaldesa do Concello de Redondela, Digna Rivas; a concelleira de Cultura do Concello de Redondela, Rita Pérez; o concelleiro de Participación Cidadá do Concello de Redondela, Alberto Álvarez; o coordinador institucional de ABANCA en Pontevedra, José Luis Romero; o director de oficina de ABANCA de Redondela, José Miguel Martín; e a responsable da Área Educativa de Afundación, Carmen Pérez. Tamén asistiu un grupo de 57 escolares de 4º de Educación Primaria do CEP Santa Mariña, que participou nunha visita guiada e un obradoiro didáctico.

No marco da conmemoración no 2025 do Ano Castelao, Afundación homenaxea o insigne intelectual e político rianxeiro con esta mostra, incluída no seu programa «Corrente cultural», desenvolvido en colaboración con ABANCA e os diferentes concellos galegos.

Tamén se enmarca na iniciativa «Cultura por alimentos» que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Banco de Alimentos) e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. A entidade invita aos visitantes a colaborar con esta iniciativa a través da doazón de alimentos non perecedoiros ao visitar a mostra.

A exposición «Castelao grafista (facsímile)» poderase visitar ata o vindeiro 25 de xuño, de luns a domingo en horario de 10.00 a 14.00 h e de 16.00 a 21.00 h, na Sala de Exposicións I do Multiusos de Redondela.

A EXPOSICIÓN «CASTELAO GRAFISTA (FACSÍMILE)»

A exposición, que conta con pezas procedentes das coleccións de arte de ABANCA e Afundación, componse dunha escolma rigorosa de obras nas que se reflicte a evolución tanto do compromiso ético, social e político do artista rianxeiro, como dos seus recursos plásticos e a súa querenza pola ilustración. O seu interese pola palabra e pola imaxe consolidouse nas colaboracións que, a partir de 1924, empezou a publicar en medios como Galicia, Faro de Vigo ou Vida Gallega, nas que a ilustración e o texto reflicten a ácida crítica dun Castelao cada vez máis comprometido. Esta forma de arte e denuncia acabaría articulando obras tan relevantes como Cousas da vida (1930) e os álbumes de guerra Galicia mártir (1937), Atila en Galicia (1937) e Milicianos (1938).

No ano 1945, tras case unha década vivindo no exilio, Castelao rematou o que sería considerado como o seu testamento pictórico, A derradeira leición do mestre, unha tea na que se retoma unha ilustración de guerra elaborada en 1937. Nela, Castelao funde ilustración e pintura en homenaxe ás mestras e mestres asasinados tras o golpe de Estado de 1936.

A mostra reúne facsímiles da Colección de Arte Afundación e debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, dos que pertencen á Colección de Arte ABANCA. Ademais, poderanse ver retratos fotográficos, caricaturas, debuxos e portadas de revistas.

Compartir