O Centro de Formación da Marisma, ao lado da piscina municipal, acolle o vindeiro martes día 19 unha xornada informativa para dar a coñecer o Programa Integrado de Emprego do Concello de Redondela. Este programa está dirixido a persoas en situación de desemprego e conta con 100 prazas dispoñibles. Só hai dous requisitos para poder participar: estar inscrito/a como demandante de emprego e estar empadroado/a no Concello de Redondela. A xornada comezará ás 10.00 horas e os asistentes deberán a súa vida laboral actualizada, demanda de emprego (DARDE) e currículum vitae.
O programa, cunha duración inicial dun ano, ten como obxectivo acadar o 45% de inserción laboral doa participantes. A iniciativa céntrase en promover a inserción laboral e a mellora da ocupabilidade de 100 demandantes de emprego de Redondela. Está dirixido a persoas desempregadas, con prazas reservadas especialmente para parados con discapacidade, persoas e risco de exclusión social, menores de 30 anos con ou sen cualificación, maiores de 45 anos, persoas desempregadas perceptoras de prestacións e subsidios e mulleres en paro.
Ao longo dos meses que dura o programa os participantes reciben orientación e asesoramento, formación en novas tecnoloxías e idiomas, técnicas de busca de traballo e fomento da capacidade emprendedora, entre outras cuestións. A formación práctica está tamén moi presente, con prácticas profesionais non laborais en empresas. Ademais os demandantes de emprego reciben ofertas de traballo emparelladas co seu perfil. Todas as persoas que participen no programa terán dereito a percibir unha bolsa de 10 euros por día de asistencia ás accións do programa.
As persoas interesadas poden solicitar toda a información no Centro de Formación A Marisma, no paseo do Pexegueiro, 6, nos teléfonos de contacto 986 40 83 88 e 604 035 909 ou a través do enderezo electrónico per@redondela.gal. Tamén poden facelo na Oficina de emprego de Redondela do Servizo Público de Emprego de Galicia que lles corresponda, solicitándolle na súa demanda o servizo de “Programas Experimentais (930)”.
O programa está financiado pola Consellería Emprego, Comercio e Emigración cunha subvención de 220.000 euros e co cofinanciamento do Concello de Redondela cunha achega de 36.000 euros.