– A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, salienta que “o feito de que en Redondela conflúan o Camiños Portugués Central e o da Costa, que é o que máis medra de todos os itinerarios, fan desta vila o punto de encontro de centos de peregrinos cada día”. A Oficina Municipal de Turismo rexistra peregrinos de máis de 40 nacionalidades diferentes. Desde o 1 de xaneiro pasaron pola vila unha media diaria de 550 peregrinos.
– A Oficina Municipal de ofrece aos visitantes información turística e cultural de Redondela e actividades de balde, como visitas guiadas polo casco histórico e rutas ambientais e culturais para coñecer o patrimonio do municipio. Son actividades “con moito éxito de público tanto entre os visitantes como entre a propia veciñanza de Redondela”, sinala a concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez Táboas.
A estadística oficial da Oficina do Peregrino de Santiago de Compostela recolle que por Redondela pasaron ata o día de hoxe 133.000 peregrinos, 72.000 deles polo Camiño Portugués tradicional (un 4% máis que o ano pasado) e outros 61.000 polo camiño Portugués da Costa (un 18% máis que en 2024). Moitos fixeron a súa parada na Oficina de Turismo de Redondela. O perfil dos peregrinos que se achega á oficina varía en función da época do ano. Se ben nos meses de abril, maio e xuño son maioría os estranxeiros, en xullo e agosto os peregrinos de orixe española son maioría. O tirón do Camiño a nivel internacional déixase notar nas cifras que se rexistran na oficina municipal, onte atenderon a peregrinos de máis de 40 nacionalidades diferentes. A maioría proceden de Portugal e Alemaña, pero chegan camiñantes de todos os puntos do planeta: desde Xapón ata os EEUU, pasando por Sudáfrica, Taiwan, Rusia, Australia ou México. No caso dos españois as Comunidades Autónomas que achega máis peregrinos son Madrid, Andalucía e Valencia, aínda que tamén e numerosa a cifra de peregrinos que chegan desde Cataluña e Euskadi. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, salienta que “o feito de que en Redondela conflúan o Camiño Portugués Central e o da Costa, que é o que máis medra de todos os itinerarios, fan desta vila o punto de encontro de centos de peregrinos cada día”.
A Oficina Municipal de Turismo de Redondela atende a unha media de 2.871 visitantes ao mes, son case 200 máis que no ano 2024 . Desde que abriu as súas portas no mes de abril e ata o final de agosto pasaron polas instalacións da rúa Isidoro Queimaliños un total de 14.358 persoas, das que máis de 13.000 eran peregrinos.
Actividades gratuítas con visitas guiadas na vila e Rutas Ambientais e Culturais
Na Oficina de Información ofrécese a todo aquel que se achega información turística e cultural de Redondela, datos dos aloxamentos e servizos de restauración. Tamén se entregan de xeito gratuíto mapas e folletos turísticos, a axenda de eventos e información sobre as visitas guiadas que son de balde. O programa de Roteiros Ambientais e Culturais ofrece tamén visitas guiadas de balde polas diferentes parroquias para coñecer o patrimonio do municipio. Son actividades que están a ter unha excelente acollida con moita participación nas saídas que se realizaron nos meses de xullo e agosto, e que continuarán en setembro e outubro.