Concello de Redondela

Redondela aproba o orzamento municipal que ascende a 21,7 millóns

– A alcaldesa, Digna Rivas, valora de xeito moi positivo a aprobación definitiva do orzamento municipal, o máis alto da historia de Redondela. A rexedora afirma que “xa podemos empezar a executar estas contas, tras ter que esperar máis de dous meses”.

– O goberno local presentou o orzamento en abril. PP e BNG rexeitaron as contas, e Rivas vinculounas a unha cuestión de confianza. No prazo que establece a lei non se presentou unha moción de censura, polo que o orzamento seguiu a súa tramitación.

O Concello de Redondela aproba de xeito definitivo o seu orzamento xeral, que ascende a 21.697.887 euros. Logo do pleno celebrado esta semana, o Concello enviou as contas para que sexan publicadas no Boletín Oficial da Provincia. Unha vez resolto este último trámite o orzamento será oficial.

A alcaldesa, Digna Rivas, valora de xeito moi positivo a aprobación definitiva do orzamento municipal, o máis alto da historia de Redondela. A rexedora afirma que “xa podemos empezar a executar estas contas, tras ter que esperar máis de dous meses ao ser rexeitadas polos grupos da oposición”. O goberno local presentou o orzamento en abril, e logo de que PP e BNG votaran en contra das contas, Rivas vinculou o orzamento a unha cuestión de confianza celebrada en maio. No mes de prazo que establece a lei a oposición non presentou unha moción de censura, polo que o orzamento municipal seguiu coa súa tramitación. A alcaldesa afirma que o goberno local “non deixou de traballar nin un minuto” e denuncia que a oposición está na actitude do “non” de xeito permanente.

No pleno extraordinario celebrado esta semana desestimáronse todas as alegacións presentadas aos orzamentos xa que, tal como informa o interventor municipal, ningunha delas cumpría os requisitos que establece o artigo 170.2 da Lei Reguladora das Facendas Locais.

O goberno local poderá agora empezar a executar as contas “que son un compromiso deste goberno municipal, un orzamento solidario, social, equilibrado, responsable, e sobre todo sostible e xerador de riqueza e actividade económica”. As contas municipais “están saneadas e non deixan de medrar”, explica a alcaldesa. Este ano son de case 21,7 millóns de euros, “o que supón que nos seis anos dun goberno progresista o orzamento subiu 2,5 millóns de euros”, apunta Rivas.

Compartir