– O Concello de Redondela e Galicia Suroeste acaban de asinar un convenio de colaboración para levar a cabo o proxecto de rexeneración e mellora dos ecosistemas dunares, intermareais e do esteiro da enseada. Cun investimento de máis de 18.000 euros do PSTD ‘A Despensa de Galicia’ realizaranse melloras na contorna para protexer e adaptar este espazo ao escenario de cambio climático.
– O proxecto inclúe a eliminación de especies invasoras e a retirada de residuos sólidos, así como a elaboración dunha guía sobre coas especies de fauna e flora da contorna. A alcaldesa, Digna Rivas, advirte que “a enseada de San Simón é un patrimonio natural de incalculable valor e o noso compromiso é protexela para as xeracións futuras, garantindo un uso sostible deste espazo”.
A enseada de San Simón, un dos tesouros naturais de Galicia incluído na Rede Natura 2000, será obxecto dunha transformación estratéxica para previr posibles danos no futuro a consecuencia das inundacións provocadas polo cambio climático. O Concello de Redondela e Galicia Suroeste acaban de asinar un convenio de colaboración para levar a cabo o proxecto de rexeneración e mellora dos ecosistemas dunares, intermareais e do esteiro desta contorna, “con accións cruciais para protexer este enclave único”. A alcaldesa de Redondela, Digna Riva, advirte que “a enseada de San Simón é un patrimonio natural de incalculable valor e o noso compromiso é protexela para as xeracións futuras, garantindo un uso sostible deste espazo”. A presidenta de Galicia Suroeste, Sandra González, destacou a importancia de proxectos como este, co que “non só reforzamos a nosa aposta pola preservación ambiental, senón que poñemos en valor esa riqueza impulsando un turismo respectuoso co medio ambiente.
O proxecto inclúe a retirada manual de especies invasoras e de residuos sólidos urbanos nunha área de 15.000 metros cadrados na zona supralitoral da praia de Cesantes. Por unha banda eliminaranse da zona dunar e circundantes os exemplares de Artotheca Calendula para restaurar o equilibrio natural e recuperar a biodiversidade local, xa que que está xerando unha perda de espazo para as especies autóctonas e rompendo a conectividade ecolóxica básica. Por outro lado, limparase a zona dunar do areal de residuos sólidos urbanos que frean a chegada de algas e outras materias naturais necesarias para nutrir a fauna da zona. Para iso peitearase a zona supramareal para a súa limpeza, contribuíndo así a restaurar a súa funcionalidade ecolóxica e favorecer o uso recreativo, educativo e turístico da contorna. Estes dous labores remataranse en marzo de 2025.
Ao abeiro do proxecto tamén se levará a cabo ata abril de 2025 un inventariado xeral de especies de flora e fauna autóctonas en 80.000 metros cadrados da propia enseada de San Simón, zonas adxacentes á praia de Cesantes, o Paseo da Portela e Punta Socorro. O inventario recollerá moitas especies de aves migratorias que fan a súa parada na enseada, e tamén anfibios, réptiles e mamíferos que poden ser observables por persoas usuarias e turistas de forma fácil.
A iniciativa inclúe a creación dunha guía didáctica en formato dixital para divulgar o proxecto entre os visitantes e turistas “que servirá para poñer en valor este espazo natural con vistas á promoción de novos produtos turísticos sostibles”.
A iniciativa contará cun investimento de máis de 18.000 euros financiados por Galicia Suroeste ao abeiro das inversións para a adaptación ao cambio climático e prevención de riscos nos territorios litorais do Xeodestino. As axudas enmárcanse na liña de transición verde e ecolóxica do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) ‘A Despensa de Galicia’ dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea con fondos Next Generation EU.