-Nenos e nenas dos campamentos de conciliación foron os encargados de poñer de manifesto a importancia desta data do 25 de xullo, Día Nacional de Galicia. Lembraron este país, a nosa lingua e a nosa cultura espállanse “polos catro puntos cardinais”.
-A alcaldesa, Digna Rivas, sinalou tamén que esta data “obríganos a pensar e reflexionar sobre o futuro da nosa terra” e fixo un chamamento para defender os intereses de Galicia “cun modelo de sociedade onde erradiquemos o racismo, o machismo, a xenofobia ou calquera outra forma de odio ou violencia contra a diversidade”.
O Concello de Redondela celebrou na véspera do Día Nacional de Galicia un acto institucional na alameda Castelao para conmemorar esta data. O técnico municipal do Servizo de Normalización Lingüística, Xurxo Martínez, foi o encargado de presentar un acto no que puxo en valor esta celebración “que se remonta a 1.978 e na que todas as forzas políticas se uniron con Galicia como punto de concordia”.
Nenos e nenas dos campamentos de conciliación foron os encargados de poñer de manifesto a importancia desta data e da historia de emigración e solidariedade do noso país. Roi, Lucía, Thiago, Gabriela, Sara, Manuel, Layla, Alba, Clara Vidal e Clara Bouzas, Anxo, Daniela, Leire, Samuel, Iría e Antía foron os protagonistas do acto. Nos seus textos lembraron que Galicia, a nosa lingua e a nosa cultura espállanse “polos catro puntos cardinais”. Desde o viquingo Ulf “o Galego” no Norte, ata a emigración galega ao Sur, o Camiño de Santiago que chega do Leste ou os lazos con Cuba ao Oeste.
A alcaldesa Digna Rivas sinalou tamén que esta data, o día central do noso país “obríganos a pensar e reflexionar sobre o futuro da nosa terra, porque vivimos nun tempo de regresión onde se cuestiona a pluralidade e a diversidade”. Rivas fixo referencia ao boicot no mural feito en Chapela en favor dos dereitos LGTBI e os ataques cometidos contra o monumento en memoria das persoas mortas e represaliadas polo franquismo, no Alto da Concheira. A alcaldesa denunciou estes actos e lembrou que Galicia sempre foi unha terra “integradora”, e Redondela “un referente de inclusión, integración e solidariedade, tamén a defensa da cultura e da lingua”. A alcaldesa fixo un chamamento para defender os intereses de Galicia “cun modelo de sociedade onde erradiquemos o racismo, o machismo, a xenofobia ou calquera outra forma de odio ou violencia contra a diversidade”.
A parte musical do acto correu a cargo do grupo Airiños de San Simón, da parroquia de Cesantes, que interpretou varias pezas musicais e rematou o acto co himno. A xornada pechouse co concerto de Airiños da Peneda e a Banda Artística de Arcade no campo da Feira.