– A alcaldesa Digna Rivas reclama a participación do Concello de Redondela na Fundación Museo do Mar de Galicia, que integra a xestión da illa de San Simón, para ter “voz e voto nas súas decisións”.
– Rivas demandou tamén a recuperación da Fundación Illa de San Simón, unha entidade “que debe facer seguimento do que sucede na illa, das súas necesidades cara ao futuro, e do programa de actividades, entre outras cuestións”. A fundación foi eliminada na época da crise económica, “pero hoxe ese argumento non é válido fronte ás evidentes necesidades da illa e da súa xestión”, sinala a alcaldesa redondelá.
Co gallo da xornada “A xestión dos lugares de memoria da represión franquista” celebradas o venres en San Simón, a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, puxo en valor o traballo feito desde o Concello redondelán “para manter e divulgar a memoria como un deber democrático”. Lembrou que durante a guerra a vila de Redondela viviu unha gran represión, co cárcere da illa de San Simón como un dos seus símbolos. Rivas repasou o traballo feito polo Concello desde 1986 pola recuperación da memoria histórica, “cando a illa era un lugar abandonado”, coa celebración de xornadas, actividades na illa, a recuperación de documentación, e máis recentemente co monumento aos fusilados no Alto da Concheira ou a declaración de 2021 como ano das Mulleres de San Simón. Ante o claro compromiso do goberno redondelán coa defensa da memoria, a alcaldesa fixo unha protesta pública ante a decisión da Xunta de Galicia de modificar no 2022 os estatutos da Fundación Museo do Mar de Galicia. O cambio supuxo que a xestión da illa de San Simón se integrou nesta entidade. O Concello de Redondela “non foi convidado nin a participar nin a colaborar nin a integrarse. Solicitamos por escrito varias veces a nosa inclusión no Padroado. Non tivemos resposta. Para nós é unha discriminación inxusta e inxustificable. Seguiremos reclamando o noso dereito a formar parte desta entidade e ter voz e voto nas súas decisións”, declarou a alcaldesa.
Rivas demandou tamén a recuperación da Fundación Illa de San Simón, unha entidade “que debe facer seguimento do que sucede na illa, das súas necesidades cara ao futuro, do programa de actividades, dunha correcta sinalización e contextualización máis aló da exposición recollida na illa de Santo Antón”. A fundación foi eliminada na época da crise económica, “pero hoxe ese argumento non é válido fronte ás evidentes necesidades da illa e da súa xestión”, sinala a alcaldesa redondelá. O Concello de Redondela propón abrir o debate para a recuperación desa Fundación, “darlle de novo vida e facela partícipe tanto de institucións como de asociacións e dos expertos académicos. Cremos que isto é algo posible e necesario”.
Rivas aclarou que o Concello de Redondela “non está de acordo con converter a illa nun parque de atraccións nin en promover o lucro de empresas que explotan a nivel turístico o seu valor”. O Concello impulsa visitas á illa a cargo das arcas municipais, “pero pensamos que isto debe ser unha coxestión con outras entidades como a Xunta ou a Deputación para establecer un formato público para facilitar o acceso e as visitas”.