– O Concello de Redondela e Galicia Suroeste inician os traballos de eliminación de especies exóticas invasoras na contorna da ensenada de San Simón, un dos tesouros naturais de Galicia incluído na Rede Natura 2000. Cun investimento de 18.000 euros financiados ao abeiro do PSTD ‘A Despensa de Galicia’ realizaranse melloras na contorna para protexer e adaptar este espazo ao escenario de cambio climático.
O Concello de Redondela, da man de Galicia Suroeste, pon en marcha unha nova intervención estratéxica para a prevención de danos ao ecosistema dunar do espazo natural protexido da contorna da ensenada de San Simón, grazas á financiación procedente do Plan de Sostibilidade Turística en Destino “A Despensa de Galicia”, financiado con Fondos Next Generation da UE. A concelleira de Turismo, Rita Pérez, acompañada polo Representante Institucional do Xeodestino e alcalde de Pazos de Borbén, Luciano Otero, asistiron onte ao inicio dos traballos de retirada manual de especies exóticas invasoras da zona dunar e supralitoral, unha acción crucial para protexer este enclave único que se realizará entre os meses de novembro e decembro. Coa retirada dos exemplares de Artotheca Calendula preténdese restaurar o equilibrio natural e recuperar a biodiversidade local, xa que a presenza desta especie exótica está xerando unha perda de espazo para as especies nativas e tamén, rompendo a conectividade ecolóxica básica.
Os traballos inclúen tamén a recollida na zona dunar de residuos sólidos urbanos. Este lixo que chega ao areal frea os restos de arribazón de algas e outra materia natural necesaria para nutrir a outras especies. Pérez Táboas explica que con estas intervencións contribúese a restaurar a funcionalidade ecolóxica do espazo e favorécese o uso recreativo, educativo e turístico da contorna. En concreto, con esta actuación, que conta cun investimento de 18.000 euros e que se enmarca na liña de transición verde e ecolóxica do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) de Galicia Suroeste, perséguese tanto a preservación ambiental coma a posta en valor do patrimonio natural da contorna, impulsando un turismo respectuoso co medio ambiente que garanta un uso sostible e equilibrado dun espazo natural único cun valor ambiental incalculable.
 ES
 ES		 GL
 GL         
								 
															 
				 
				