Concello de Redondela

Redondela inviste máis de 42.000 euros para a mellora nos camiños do Subido e Cabritas

A Concellería de Infraestruturas e Sostibilidade, que dirixe Roberto Villar, acaba de licitar os traballos de pavimentación e mellora en dúas vías municipais: o camiño do Subido, en Chapela, e o camiño das Cabritas, en Quintela. Segundo explican desde o Concello trátase de obras que se realizan “para mellorar a seguridade e a mobilidade da veciñanza nestes dous camiños”.

No caso do camiño do Subido as obras incluirán a mellora da drenaxe e a pavimentación con aglomerado asfáltico en quente, cunha lonxitude total de 186 metros, o que supón unha superficie aproximada de 772 metros cadrados. Tamén se realizará aa limpeza de beiravías e taludes do camiño. O orzamento ascende a 30.409,55 euros. A alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro Roberto Villar visitaron a zona onde comezarán os traballos neste trimestre. Trátase dunhas obras “moi necesarias” para o goberno local, xa que esta zona presenta un gran desnivel “e con esta renovación poderase mellorar a seguridade na circulación tanto de vehículos como de peóns”. Este ó o segundo tramo que se arranxa no camiño do Subido, onde nun primeiro tramo habilitouse unha franxa peonil con máis agarre para facilitar o tránsito dos peóns e evitar riscos de caídas.

Por outra banda contratouse a pavimentación do camiño das Cabritas, en Quintela, tamén con aglomerado asfáltico en quente cunha lonxitude total da estrada de 157 metros, cunha superficie aproximada de 650 metros cadrados. Neste caso tamén se procederá á limpeza das cunetas e taludes do camiño. O orzamento destes traballos ascende a 11.858,00 euros.

Compartir