Concello de Redondela

Redondela organiza a xornada “Un país en festa” sobre as celebracións patronais en Galicia

– A Casa da Cultura acollerá o 11 de outubro, de 10.00 a 14.00 horas, faladoiros, conferencias e debates sobre a celebración das festas patronais coa participación de expertos como Rafael Quintía, Manuel Gago e Beatriz Busto. A xornada está organizada polo Concello de Redondela en colaboración coa asociación Alén Nós.
– A concelleira de Cultura, Rita Pérez Táboas, convida a participar neste encontro a asociacións veciñais, culturais, comisións e colectivos implicados na organización de festas “para abordar a situación das celebracións nas parroquias e promover a convivencia entre a verbena e a tradición popular”.

O Concello de Redondela, en colaboración coa asociación Alén Nós, celebra o 11 de outubro a actividade “Un país en festa”, con faladoiros e debate sobre as celebracións das festas patronais en Galicia. O obxectivo deste foro é abordar a situación actual nas festas patronais e parroquiais e poñer enriba da mesa “outro modelo de celebración máis acorde á cultura e identidade galegas”. A concelleira de Cultura, Rita Pérez Táboas, convida a participar neste encontro a todas as asociacións veciñais, culturais, comisións de festas e outros colectivos implicados na organización de festas. “Será unha gran oportunidade para abordar, da man de expertos, a situación das festas patronais nas parroquias e promover a convivencia entre a verbena e a tradición popular”, apunta Pérez Táboas.

A xornada comezará ás 10.00 horas na Casa da Cultura e contará con tres conferencias: “As festas patronais: cultura e identidade” a cargo do antropólogo e escritor Rafael Quintía: “Territorio, festa e tradición para unha sociedade en cambio”, co xornalista e divulgador cultural Manuel Gago; e “Entrar a bailar bailando. O papel da música e o baile tradicional nas festas populares”, impartida pola etnomusicóloga Beatriz Busto. A xornada rematará cunha mesa redonda que será moderada por Ana Durán.

A concelleira de Cultura presentou esta actividade xunto a Gonzalo Balo e Andrés Couñago, de Alén Nós. Desde esta asociación cultural fan un chamamento a “reflexionar” sobre as celebracións populares e propoñen “galeguizar” as festas patronais das parroquias.

Compartir