– Entre os residuos que atoparon no areal había moitos envases de plástico de todos os tamaños, vasos, tapóns, botellas, material de pesca, vidro, toalliñas e outros produtos de hixiene, ademais dunha lámpada de gran tamaño.
– O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, e o de Ensino, Iván Valles, acompañaron nesta xornada aos rapaces e rapazas. Villar explicoulles a orixe de moitos destes residuos, “que acaban nas praias porque alguén non fixo unha xestión correcta dese obxecto”.
Redondela participou na XIII Limpeza Simultánea de Praias promovida por Adega. Foi na xornada de onte co alumnado do IES Mendiño e a colaboración do Concello de Redondela, que achegou material para a limpeza e xestionou a recollida dos residuos. Máis de 80 alumnos de 3º e 4º da ESO xunto co seu profesorado percorreron esta mañá a praia da Punta, en Cesantes, para recoller lixo. Entre os residuos que atoparon no areal había moitos envases de plástico de todos os tamaños, vasos, tapóns, botellas, material de pesca, vidro, toalliñas e outros produtos de hixiene como compresas e aplicadores de tampóns, e ata uha lámpada de gran tamaño. O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, e o de Ensino, Iván Valles, acompañaron nesta xornada aos rapaces e rapazas. Villar explicoulles a orixe de moitos destes residuos, “que acaban nas praias porque alguén non fixo unha xestión correcta dese obxecto”. Nalgúns casos os restos proceden da actividade pesqueira, restos de aparellos ou elementos que se desprenden das bateas. En moitas ocasións son residuos domésticos que acaban nos ríos e no mar “porque en lugar de botalos no colector do lixo, a xente tíraos polo inodoro”. O edil advertiu tamén que o lixo que botamos no chan pode acabar no mar “ao caer polos sumidoiros de augas pluviais, ou ben porque vai parar aos ríos”. Despois son as correntes mariñas as que se encargar de arrastrar todo ese lixo ata as praias. O responsable de Sostibilidade lembroulle á rapazada “a importancia de depositar todo o refugallo nos colectores correspondentes, e non deixalo nunca no medio natural”.
Tanto Roberto Villar como Iván Valles agradeceron ao alumnado e aos docentes a súa participación nesta actividade. Desde o Concello aplauden tamén que a xornada de educación ambiental fora totalmente sostible, xa que todo o grupo se desprazou desde o IES Mendiño ata a praia a pé.