A concellería de Medio Ambiente realizou unha actividade para promover a compostaxe cos nenos e nenas de 6º de Primaria do CEIP Reboreda. Foi unha actividade moi dinámica e participativa na que a educadora ambiental Alba Gregorio explicou á rapazada como funciona o proceso de compostaxe. Desde o colexio teñen en marcha un programa de compostaxe no que o alumnado aprende sobre residuos, medio ambiente e traballo en equipo.
O concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez, anima a centros escolares, asociacións e colectivos que o desexen a solicitar charlas informativas sobre a compostaxe e sumarse a este modelo para a xestión dos residuos. O concelleiro puxo de de manifesto a importancia destas prácticas “para a consolidación dun modelo de economía circular e a valorización dos residuos xerados polas familias, que poden converterse nun compost de calidade que pode reutilizarse como abono”. Nestas charlas poden resolverse todas as dúbidas sobre os sistemas de compostaxe, que tipo de residuos poden ir aos composteiros e cal é o mellor xeito de xestionalos.