A Biblioteca Xela Arias de Chapela deu acollida esta tarde a un dos contacontos máis fermosos e celebrados dos que temos feito.
Dúas usuarias da biblioteca e veciñas da nosa contorna: Lía, e mais Beatriz, ofrecéronse a compartir cos seus veciños e veciñas aqueles contos que máis lles emocionan, e hoxe estabamos citados para escoitalos.
- Comezou esta particular festa Beatriz, nai de Gonzalo, que nos achegou unha particular versión dun dos contacontos máis senlleiros da literatura infantil recente: «Unha eiruga moi larpeira». Unha versión moi creativa de achegarnos esa enchenta de froitas e máis alimentos.
- E continuou Lía, unha auténtica contacontos de dez anos, que nos achegou un dos contos cos que sente máis agarimo: «O coelliño que quería un pastel». Gozamos coas fermosas e divertidas rimas deste conto onde todos os animáis colaboran.
- E para marchar para a casa cun recordo destas historias, todos os asistentes elaboraron cadansúa eiruga de papel, seguindo as instruccións do noso persoal.
Ambas intrépidas narradoras foron moi ben acollidas por un público que enchía completamente a nosa sala infantil. O público asistente saíu moi contento, pedíndonos que repitamos actividades como esta.
Nós estamos encantados de poder facelas de novo… así que precisamos que papás/mamás ou nenos/nenas da nosa contorna se animen a vivir esta experiencia.
E vós, animádesvos?
A Biblioteca Xela Arias cumpre 20 anos este 2025 e non pode celebralo de xeito mellor que implicando a toda a cidadanía nas súas actividades. Queremos que todos e todas participedes e formedes parte da nosa pequena historia.