O Entroido de Verán reuniu a pasada fin de semana en Redondela a preto de 40.000 persoas de todas as idades. Os diferentes espazos habilitados na vila ateigáronse de participantes tanto nas actividades para o público infantil e familiar como nos concertos e a Gala Drag.
O momento álxido da noite viviuse cos galegos The Rapants, cun directo espectacular que fixo vibrar o campo da feira, con público disfrazado de persoal de voo en homenaxe ao seu tema “Avión” e coreando os seus éxitos. O recinto foi unha festa xa desde a tarde coa música dos DJ Kike Varela, Olalla González e Borja Rúa. Logo do exitoso concerto de The Rapants o público seguiu bailando con Carlos Jean e os DJ Samu Pexe e Rodri Vegas.
Fantasía e humor na Gala Drag
O redondelán Rodri Vegas foi tamén o encargado de poñer a música na Gala Drag, que este ano contou co actor e showman Carlos Veleiro como mestre de cerimonias. O xurado, presidido pola gran Gigi, premiou a orixinalidade e creatividade na escolla das propostas gañadoras con 2.000 euros en premios. A gala contou coas actuacións de Noemi, de La Voz, Carolina Smith, e a gañadora da edición do pasado ano, Ketty Ponn.
Os premios foron: 1º Elektra con 1.000 euros, patrocinado por Kaiak Ocio; 2º Josefa Sacho con 500 euros, patrocinado por Naturgalia; 3º Lola Menta con 300 euros, patrocinado por Silvocantabrica; 4º Ketty Pinn dotado con 200 euros, patrocinado polo establecemento N29.
Desde o Concellos informan que as incidencias atendidas no hospital de campaña instalado para o evento foron «mínimas» en relación aos milleiros de persoas que participaron no evento, con 58 persoas atendidas.
Lembrar tamén que nas oficinas da Policía Local depositáronse numerosos obxectos perdidos, entre eles carteiras, documentación, e teléfonos.