Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

Todas as embarcacións da Liga Galega de Traiñeiras estarán este sábado en Chapela

En total 25 traiñeiras e uns 450 remeiros e remeiras daranse cita en augas de Arealonga na IX Bandeira Feminina Concello de Redondela da Liga F e a V Bandeira Chapela Concello de Redondela da Liga A, organizadas polo Club de Remo Chapela coa colaboración do Concello, ás que hai que engadir a II Bandeira Chapela Wofco da Liga B.

-Redondela é o único municipio de Galicia que conta con representación en todas as categorías da liga Galega de Traiñeiras, e o que conta con máis embarcacións, cun total de 5 traiñeiras entre os clubs de Chapela e Cesantes.

-A alcaldesa, Digna Rivas, sinalou que “é un privilexio contar con todos os clubs de Galicia no paseo de Cardona, e como xa aconteceu na pasada temporada seguro que será todo un espectáculo”.

O paseo de Cardona, en Chapela, recibe este sábado a todas as embarcacións da Liga Galega de Traiñeiras: a LGT-A, a LGT-B e a LGT Feminina. En total 25 traiñeiras e uns 450 remeiros e remeiras daranse cita en augas de Arealonga. Onte celebrouse a presentación da IX Bandeira Feminina Concello de Redondela da Liga F e a V Bandeira Chapela Concello de Redondela da Liga A, organizadas polo Club de Remo Chapela coa colaboración do Concello, ás que hai que engadir a II Bandeira Chapela Wofco da Liga B. A alcaldesa, Digna Rivas, sinalou que “é un privilexio contar con todos os clubs de Galicia no paseo de Cardona, e como xa aconteceu na pasada temporada seguro que será todo un espectáculo”, sinala a rexedora. Chapela converterase así na capital do remo galego este sábado, despois de que a fin de semana pasada fose o club de Cesantes o encargado de organizar as probas da LGT-A e a LGT-F en augas da enseada de San Simón. O concelleiro de Deportes, Iván Valles, salientou tamén que Redondela é “o único municipio de Galicia que compite en todas as categorías da liga Galega de Traiñeiras, e o que conta con máis embarcacións, cun total de 5 traiñeiras entre os clubs de Chapela e Cesantes, entre elas con dous barcos da liga feminina”. O presidente do CR Chapela, Antonio Viaño, explicou que esta tripla cita do sábado día 13 será un feito “excepcional” durante a presente competición, que só se repetirá no fin de Liga na Coruña co Trofeo Herrera e os playoff que organiza a Federación. O club de Chapela participa nas tres ligas logo de inscribirse na LGT-B cun segundo barco “para dar saída aos rapaces máis novos que non teñen sitio na traiñeira da LGT-A”.

A competición comezará ás 16.30 horas coa regata da LGT-B na que participarán CR Puebla, CR Cedeira, CM Bueu-Simei, CRN Riveira, CR Salgado-Perillo e os anfitrións do CR Chapela-Wofco. Ás 17.00 comezará a IX Bandeira Feminina Concello de Redondela da LGT-F coas anfitrioas do CR Chapela-Wofco que lideran a liga seguidas da outra embarcación local, do CCD Cesantes-Amegrove-Cefycal, máis os barcos de CR Rianxo, CR Cabo da Cruz, Mugardos, A Cabana Ferrol, CM Castropol e CR Salgado-Perillo. A última das probas será ás 17.30 coa V Bandeira Chapela Concello de Redondela da LGT-A na que participan CR Ares, SD Tirán-Pereira, CM Castropol, CR Rianxo, SD Samertolameu-Oversea, CR Urme, CR Mecos, CR Narón, CR Cabo da Cruz, Mugardos-A Cabana Ferrol e as traiñeiras locais do CCD Cesantes-Rodavigo e a anfitrioa CR Chapela-Wofco.

Os participantes nas tres probas farán fronte a un percorrido de tres millas náuticas, algo máis de 5.550 metros, con catro longos. Entre as tres bandeiras repartiranse 19.000 euros en premios, correspondendo 4.000 á II Bandeira Chapela Wofco da Liga B, 6.000 na IX Bandeira Feminina Concello de Redondela da Liga F e 9.000 na V Bandeira Chapela Concello de Redondela da Liga A.

Compartir