Noticias

Usamos cookies con el objetivo de mejorar la experiencia de nuestro visitantes. Visita la página de Política de privacidad para conocer más detalles.

O Concello de Redondela reclama o uso do galego por parte dos Organismos Europeos

Concello de Redondela
26-09-2023
0
O Concello de Redondela reclama o uso do galego por parte dos Organismos Europeos

O Concello de Redondela vén de presentar unha queixa ante a Área de Relacións Institucionais, Axenda 2030, Internacional e Cooperación da FEMP por mor da exclusión da lingua galega. A orixe desta queixa está na enquisa que o Consejo de Municipios y Regiones de Europa (CMRE), vén de difundir entre os concellos que manteñen actividades de irmandade con outros municipios. Redondela, como é sabido, leva uns anos traballando con Monçao nesta liña de cooperación e encontro entre ambos municipios. 

Esta enquisa presenta distitnas opcións lingüísticas, incluídas o castelán, o vasco e o catalán. Asemade tamén se ofrece en linguas cunha cantidade inferior ao número de falantes do galego: galés, irlandés, islandés, hebreo... Pero a lingua galega non aparece por ningures. 

Por esta razón, dende o Servizo de Normalización Lingüística remitiuse unha queixa á FEMP para que traslade a urxencia de incluír o galego para esta enquisa pero tamén para todas as vindeiras actividades ligadas a este organismo. O galego non pode ser unha lingua nin de segunda nin de exclusión permanente. Galicia ten un idioma propio que debe facer valer. E dende o Concello de Redondela así o expresamos e reclamamos.

Pola súa parte, a alcaldesa Digna Rivas, que asina a solicitude enviada á FEMP, insiste na necesidade de normalizar o idioma galego nas institucións públicas. "Agora que se pode usar o galego nas Cortes españolas, resulta incomprensible como neste organismo se exclúa o galego. Dende Redondela levantamos a voz na defensa dos dereitos lingüísticos e da pluralidade".