Economía
El Área de Economía del Concello de Redondela se encarga de controlar y administrar los recursos económicos necesarios para que la empresa pueda realizar las acciones previstas y con garantías necesarias.
Contacta
- 986 400 300
- info@redondela.gal
- Rúa Alfonso XII, 2, 36800 Redondela, Pontevedra
- Laborales de 9:00 a 14:00 horas
- Noticias
– A conta xeral do 2024 que abala a boa xestión económica municipal cunha situación financeira “saneada e equilibrada”. O informe acredita que Redondela cumpre coas regras fiscais no exercicio económico 2024 “tanto en estabilidade orzamentaria como na regra de gasto” cun superávit de 1,7 millóns e un remanente líquido de tesourería que supera os 4 millóns de euros.
– Rivas agradece o traballo dos técnicos e técnicas do Concello “polo seu esforzo, rigorosidade e compromiso co servizo público”, e cuestiona a actitude “obstrucionista” dos grupos da oposición, xa que tanto PP como BNG votaron en contra da conta xeral “malia que as contas do Concello están saneadas e todos os informes técnicos son favorables”.
O Concello de Redondela presentou unha conta xeral do 2024 que abala a boa xestión económica municipal. Este documento “técnico, obxectivo e contable” reflicte a boa situación económica do Concello cunhas contas “saneadas e equilibradas”. O informe acredita que Redondela cumpre coas regras fiscais no exercicio económico 2024 “tanto en estabilidade orzamentaria como na regra de gasto”. A alcaldesa, Digna Rivas, explica que a regra de gasto de 2024 arroxa un saldo positivo superior a 2,6 millóns de euros, o remanente líquido de tesourería supera os 4 millóns e un superávit de 1,7 millóns “o que reflicte unha situación de solvencia, liquidez e boa saúde financeira”. A marxe de cumprimento da regra de gasto é do 12’7%. Rivas sinalou que «desde o equipo de goberno seguimos traballando para poder contar cunhas arcas públicas saneadas, que permitan mellorar os servizos que se prestan aos redondeláns». A alcaldesa lembra que, cando un Concello pecha as contas con superávit e con liquidez suficiente, isto significa que “non se gasta por riba das posibilidades, cumprimos cos principios de estabilidade financeira e garantimos que os servizos públicos se manteñen e se financian sen riscos”.
Todos os parámetros económicos son positivos. O período medio de pago a provedores rebaixouse a 25 días, o que acredita a solvencia do Concello, que cumpre o seu obxectivo de pagar en tempo e forma a todas as empresas que traballan coa entidade local. Máis aló do cumprimento da lei, o pago das facturas en prazo “favorece o emprego local, xa que os provedores do Concello son na súa maioría pemes ou autónomos”, explica Digna Rivas.
A alcaldesa agradece o traballo dos técnicos e técnicas do Concello “polo seu esforzo, rigorosidade e compromiso co servizo público”.
– O dato acredita a solvencia do Concello, que cumpre o seu obxectivo de pagar en tempo e forma a todas as empresas que traballan coa entidade local. Este resultado do segundo trimestre do ano avala o traballo serio e rigoroso do Goberno municipal de Digna Rivas e reflicte que as contas do Concello están saneadas.
– Máis aló do cumprimento da lei, o pago das facturas en prazo “favorece a creación de emprego e o mantemento de postos de traballo xa que os provedores do Concello, que na súa maioría son pemes ou autónomos, cobran ao seu debido tempo e pagan aos seus empregados cando corresponde”, explica Digna Rivas.
O Concello de Redondela pechou o segundo trimestre de 2025 cun período medio de pago a provedores de 25 días, unha cifra que mellora o dato do trimestre anterior e mantén a tendencia positiva rexistrada durante todo o exercicio 2024. Así o explicou este xoves a alcaldesa, Digna Rivas, “cun dato que se sitúa sobradamente por baixo do límite máximo de 30 días que marca a Lei de Estabilidade Orzamentaria, o que mostra unha xestión eficaz e responsable”. Rivas agradeceu o labor dos servizos técnicos municipais implicados no proceso e subliñou a importancia deste indicador. “É un dos datos máis relevantes para valorar a xestión dun Concello, aínda que moitas veces pase desapercibido e só se mencione cando se incumpre”, sinalou Rivas Gómez. O período medio de pago dun Concello é o tempo medio que tarda en pagar aos seus provedores desde que recibe a factura ou se presta o servizo. Este indicador reflicte a boa xestión de Tesourería do Concello e o seu cumprimento dos prazos de pago establecidos por lei.
O dato acredita a solvencia financeira do Concello, que cumpre o seu obxectivo de pagar en tempo e forma a todas as empresas que traballan coa entidade local. Máis aló do cumprimento da lei, o pago das facturas en prazo “favorece a creación de emprego e o mantemento de postos de traballo debido a que os mencionados negocios, que na súa maioría son pemes ou están xestionados por autónomos, cobran ao seu debido tempo e pagan aos seus empregados cando corresponde”, explica Digna Rivas.
A alcaldesa destacou ademais que a liquidación do orzamento de 2024 foi “moi positiva, cunha economía local saneada que garante a estabilidade orzamentaria do Concello”.
– Un total de seis compañías teatrais e circenses ofrecerán os seus espectáculos desde as 18.00 horas ata a medianoite na Alameda Castelao, a pista da Xunqueira e nas prazas de Ponteareas, José Figueroa, praza da Torre e praza da Constitución. A vila será un gran escenario con actividades sorprendentes para o público de todas as idades. O gran Pancho Varona porá o broche de ouro cun concerto na praza da Torre ás 23.15 horas.
– A xornada complétase coa celebración da “Shopping Night” da Asociación de Empresarios de Redondela na que participan medio cento de establecementos. Haberá descontos, promocións, agasallos e animación musical nunha edición denominada “O Gran Circo Vintage”.
Teatro, maxia, malabares, funambulistas, xogos, moito humor e a mellor música. Estes son algúns dos ingredientes do XXVI Festival de Artistas de Rúa que se celebra en Redondela o venres 1 de agosto. Un total de seis compañías teatrais e circenses ofrecerán os seus espectáculos desde as 18.00 horas ata a medianoite en sete emprazamentos diferentes: a Alameda Castelao, a pista da Xunqueira e nas prazas de Ponteareas, José Figueroa, praza da Torre e praza da Constitución. A vila será un gran escenario onde vivir a emoción do circo e o teatro con actividades sorprendentes para o público de todas as idades. O gran cantautor Pancho Varona será o encargado de poñer o broche de ouro a esta xornada cun concerto na praza da Torre.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a concelleira de Cultura, Rita Pérez Táboas, presentaron hoxe as actividades desta edición que será, coma sempre, un dos pratos fortes da programación cultural de verán do Concello.
A xornada arrancará ás 18.00 horas coas actividades de “Circus feira”, na alameda Castelao. O público atopará casetas de feira con xogos, espectáculos de circo, carreiras, ilusións ópticas e probas de habilidade e enxeño, e moito máis. Esta proposta de Bambolea Producións, que poderá visitarse ata a medianoite, “rende homenaxe ás antigas feiras ambulantes que percorrían as vilas e aldeas enchendo de alegría as súas rúas, e será unha fermosa experiencia para vivir en familia”, sinala Rivas.
O espectáculo “Ciganí 100%” comezará ás 19:00 horas na praza de Ponteareas. A Compañía Antón Coucheiro fará rir e chorar ao público cos seus “xitanos balcánicos”, un verdadeiro “furacán” na rúa, transgresor e con gañas de xogar que implicará a todo o público.
O humor e os malabares chegarán da man de Compañía Pistacatro e o seu espectáculo “Sen Patrón”. Será a partir das 19:45 horas na praza José Figueroa cando os tres malabaristas competirán entre eles e os obxectos voarán por riba das súas cabezas nun aparente caos divertido e fascinante.
Ás 20.30 comezará na praza da Torre “Tavole”, de Zirko Txosko, que transportará ao público a un mundo de humor e reflexión. Inspirados nos problemas da sociedade actual, e a través da linguaxe universal do circo, os dous personaxes chegarán á conclusión de que a única solución aos problemas é “a convivencia, a comunicación e o respecto”.
A traxicomedia “Henriko”, de Circo Cambuche, chegará ás 21.15 horas á praza da Constitución. Este espectáculo conta a historia de Kike Castro, o derradeiro supervivente dun antigo circo que lembra a historia da súa familia de funambulistas.
Na pista da Xunqueira poderemos gozar da “Gran Gala do Circo” a partir das 22.15 horas coa compañía Pistacatro. Trátase dun espectáculo multidisciplinar e variado conducido por un mestre de cerimonias que fará participar ao público e ofrecerá moito humor e sorpresas.
Para pechar o festival contaremos co concerto do gran Pancho Varona que actuará ás 23.15 na praza da Torre. O músico e compositor é todo un referente da música de autor en España. Durante máis de 40 anos foi colaborador de Joaquín Sabina, co que compuxo temas emblemáticos. Tamén traballou con artistas como Ana Belén, Luz Casal ou Serrat. No concerto non faltarán temas clásicos de Sabina que farán gozar a todo o público.
Tanto a alcaldesa como a responsable de Cultura sinalan que se trata dunha programación “moi variada e de gran calidade para gozar dunha tarde-noite coa familia e amigos polas rúas e prazas de Redondela e que seguro vai ser un éxito de público».
“Shopping Night” do comercio local
O comercio local celebra ese mesmo venres a súa tradicional “Shopping Night” coincidindo co XXVI Festival de Artistas de Rúa nunha edición denominada “O Gran Circo Vintage”. Os establecementos estarán abertos ata a media noite con descontos, agasallos e promocións. Son medio cento de negocios os que participan nesta edición con moda, calzado, decoración, complementos, deportes, xoiería, artesanía e moito máis. Desde o goberno local destacan que unir o Festival de Artistas de Rúa con esta xornada especial de compras é un xeito de “dinamizar e promover o comercio local”. Tanto veciñanza como visitantes poderán gozar dunha tarde e noite de ocio e compras con numerosa actuacións e espectáculos polas rúas e prazas de Redondela.



