Concello de Redondela

Arrancan as obras de reforma da estación de tren

– A alcaldesa, Digna Rivas, o subdelegado do goberno, Abel Losada, e o concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro, visitaron a estación onde xa se sinalizaron os traballos. A obras comezarán na praza exterior da estación o día 21, polo que se prohibe o estacionamento no aparcadoiro a partires desa data.
– ADIF contratou por 3,3 millóns de euros a remodelación e mellora da accesibilidade da estación de Redondela, que contará cun paso inferior con ascensores, novos aseos e unha renovada praza de acceso. Mellorará o confort e o tránsito dos viaxeiros pola estación, con servizos de proximidade e longa distancia dentro da Liña do Miño.

O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) contratou por 3,3 millóns de euros a remodelación da estación de Redondela, unha actuación que reforzará a súa accesibilidade e o confort dos viaxeiros no seu paso pola terminal, que forma parte da Liña do Miño, e na que se prestan servizos de media e longa distancia. Os traballos, que se adxudicaron a Civis Global, comprenden actuacións nas plataformas, o vestíbulo e a praza de acceso á estación que complementan as que se realizarán no marco dun proxecto paralelo: a construción dunha nova plataforma central e a escavación do paso inferior entre plataformas.

A alcaldesa, Digna Rivas, e o subdelegado do goberno, Abel Losada, visitaron a estación xunto co concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro. Na entrada das instalacións ferroviarias xa se sinalizaron os traballos que comezarán o vindeiro luns, día 21. As primeiras obras serán as da praza exterior da estación, polo que se prohibe o estacionamento no aparcadoiro a partires do día 21. A praza mellorará a súa integración na contorna e a conexión con outros transportes: contará cunha nova zona de aparcadoiro, espazo para parada de taxi, área para parada puntual de vehículos que acoden a deixar ou recoller viaxeiros, e novos accesos peonís e viarios. Ademais, instalarase nova iluminación. Haberá prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida e un punto de carga eléctrico. Rivas amosou a súa satisfacción por estas obras “que xa son unha realidade” e que servirán para que esta estación conte cunhas instalacións “modernas e accesibles”. Losada salientou que esta inversión “transformará este edificio e a súa contorna e pon de manifesto, unha vez máis, que os fondos europeos están chegando a todos os concellos da provincia e transformándoos, neste caso coa mellora das infraestruturas do transporte público”.

Máis servizo e confort e mellor accesibilidade

A renovación vai completar o paso inferior con novo pavimento, teitos, varandas, sinalización e iluminación, e a instalación dos dous ascensores que o comunican coas plataformas. Na plataforma principal reforzarase a marquesiña existente e despregarase unha marquesiña adicional para cubrir o ascensor e o acceso ao paso inferior con cobertura de vidro para deixar paso á luz natural. Na plataforma central tamén se montará unha nova marquesiña metálica para cubrir os accesos ao paso inferior. As actuacións nas plataformas complétanse coa instalación de nova iluminación e señalética. En canto ao edifico de viaxeiros renovaranse os cerramentos para reforzar a eficiencia enerxética do edificio e habilitarase un acceso directo desde a entrada ás plataforma. Tamén se construirán uns novos aseos con espazo para viaxeiros con discapacidade ou mobilidade reducida.

O proxecto de reforma da estación de Redondela é unha actuación complementaria ás obras de renovación integral do tramo entre Redondela e Vigo-Guixar nas que o Goberno investirá 14,1 millóns de euros. Un proxecto que contempla a creación do novo apeadeiro de Chapela, na contorna do espazo deportivo coñecido como “Campito”. As obras do proxecto construtivo de accesibilidade na estación de Redondela contan con financiamento europeo, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGeneration.

Avenida da Estación

A alcaldesa, Digna Rivas, incidiu tamén na necesidade de mellorar a estrada de acceso á estación e lembrou que o Concello “leva anos demandando á Adif a reparación desta estrada, que é moi utilizada tanto pola veciñanza que se achega á estación como polos traballadores e traballadoras da factoría que se atopa ao seu carón”.

Compartir