– O pleno da corporación aprobou o recoñecemento extraxudicial de gastos para facturas correspondentes a 2022 e 2023 que non puideran sufragarse no exercicio correspondente por unha avaría no sistema informático do departamento de Intervención.
– Unha vez aprobado o gasto haberá un período de 15 días de exposición pública e despois establecerase un calendario para o pago progresivo das facturas pendentes.
O pleno da corporación de Redondela, na sesión ordinaria celebrada o pasado xoves, aprobou o recoñecemento extraxudicial de 2,7 millóns de euros de gastos para facturas correspondentes a 2022 e 2023. Trátase de facturas que non puideran sufragarse no exercicio correspondente por unha avaría no sistema informático do departamento de Intervención que impediu facer a liquidación deses exercicios. A proposta saíu adiante cos votos do PSdG-PSOE, AER e BNG, e o voto en contra do PP.
O Concello de Redondela conta cun remanente de Tesourería de case 3,7 millóns de euros, con débeda cero, e despois do pago das facturas pendentes as arcas municipais seguirán a contar con case 1 millón de euros de remanente positivo para gastos.
Calendario de pagos a provedores
Unha vez aprobado o gasto no pleno da corporación haberá agora un período de 15 días de exposición pública. Unha vez rematado establecerase un calendario para o pago progresivo das facturas pendentes.