Festa dos Fachos

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Vai xa unha década que no monte da Peneda, na parroquia do Viso, se celebra a finais do mes de xuño esta festa de inspiración pagá, para dar a benvida ao verán. Posúe reminiscencias mitolóxicas baseadas na cultura castrexa do monte e a súa principal característica é a subida ata o cume camiñando con fachos acesos e a posterior queima dunha fogueira.

O marco da Peneda no que se desenvolve está considerado como unha unión entre os concellos de Redondela e Soutomaior, ademais de constituír unha paraxe única visible dende case todos os puntos dos dous concellos. Por outra banda, é importante destacar a súa forte carga histórica dende os tempos máis remotos (“Castro da Peneda”) e tamén a gran relevancia durante a Idade Media na que era coñecido como a Fortaleza de Castrizán, xa que xogou un papel fundamental nas Revoltas Irmandiñas e nos conflitos nobiliarios. Posteriormente foi cristianizada e o seu cume corouse cunha ermida.

A Festa dos Fachos ten un marcado compoñente reivindicativo no que a organización quere chamar a atención sobre os coidados que debe recibir o monte, a preservación dos espazos naturais e as especies autóctonas. Ademais supón tamén un chamamento á unión dos dous concellos nese espazo común. O colectivo Alén Nós foi o primeiro en apostar por esta celebración que edición a edición medra cada día máis e que xa conta cunhas previsións de participación de 2000 persoas portadoras de cadanseu facho, que contribúen á espectacularidade da celebración.