Concello de Redondela

Busca
Pechar esta caixa de busca.
Busca
Pechar esta caixa de busca.

Policía Local

A área de Policía Local de Redondela encárgase de protexer ás persoas e os bens da cidade, así como garantir unha asistencia no caso de que sexa necesario.

Contacta

O home tamén está investigado pola Policía Local por dous presuntos delitos contra a seguridade viaria. Na tarde de onte unha discusión entre unha parella na praia de Cesantes levou a varios veciños que paseaban pola zona a alertar ás forzas de seguridade. Antes da chegada dos axentes a parella abandonou o lugar nun turismo que se saíu da vía provocando danos no mobiliario urbano, e o condutor deuse á fuga.

Axentes da Policía Local falaron coa muller, quen lles confirmou que mantivera unha discusión coa súa parella e que fora agredida. O home foi localizado polos axentes nas proximidades agochado nunha finca e detido. Ante os síntomas de atoparse en estado de embriaguez foi sometido ás probas de alcoholemia cun resultado positivo de 0.79 e 0.81mg/l. Ao non ter permiso de conducir en vigor tamén está investigado por dous presuntos delitos cotra a seguridade viaria.

Na intervención tamén participou a Policía Nacional, que se fixo cargo do traslado do detido ao centro médico e posteriormente a comisaría.

O Corpo da Policía Local de Redondela fai balance das actuacións realizadas polos axentes no pasado ano. En materia de tráfico no 2023 os axentes procederon a investigar por diferentes delitos contra a seguridade viaria a 44 condutores, fronte ás 34 investigacións que se produciran en 2022. En canto aos accidente de tráfico, a Policía Local interviu en 398 accidentes ao longo do pasado ano, facéndose cargo da investigación en 83 deles. Nesta caso os datos so moi parellos aos de 2022, cando se investigaron 79 accidentes. Onde existe moita distancia é nos resultados das probas positivas de alcohol e drogas. Os datos dispáranse por estas infraccións e foron propostos para sanción no ano 2023 preto de 70 condutores, unha cifra que supón máis do dobre que a rexistrada en 2022, cando foron sancionados 32 condutores por ter dado positivo nas probas de alcol ou drogas.

Desde a concellería de Interior e Seguridade advirten que ao volante a única taxa segura é 0,0%. A concelleira Rita Pérez lembra que segundo os datos da DXT “o consumo de alcohol mantense como a segunda causa concorrente máis frecuente nos sinistros de tráfico, estando presente en 3 de cada 10 accidentes con vítimas mortais en 2022”. Ademais, “máis da metade (51,9%) dos condutores falecidos na estrada en 2022 deron positivo en alcohol, drogas ou psicofármacos, de xeito illado ou combinados”.

Redúcese o número de vehículos abandonados na rúa

A Policía local de Redondela reduciu considerablemente o número de vehículos que se atopan abandonados na vía pública. Nos datos referentes ao ano 2020 tramitáronse e xestionáronse 54 expedientes por esta causa, mentres que o ano pasado os casos reducíronse a 10 vehículos. No que vai deste ano 2024 existen 5 expedientes abertos, actualmente estase na procura do titular destes coches, paso previo á súa publicación no Boletín Oficial para logo trasladalos a un centro autorizado. Desde a Policía Local fan un chamamento á poboación para que, se atopan algún vehículo abandonado na vía pública, o poñan en coñecemento dos axentes para a súa xestión.

Redondela, 4 de xaneiro de 2024. Desde a Policía Local de Redondela informan:

 

Mañá dia 5, establecerase por parte da Policía Local, un dispositivo especial de #tráfico con motivo das #cabalgatas de Reis en #Redondela e #Chapela.

- Peche do tráfico no casco urbano a partir das 17:00 horas (Dende a rotonda da N550 ata a rúa Xeneral Rubín)

- O comezo do desfile está previsto para as 18:00 horas dende o Campo da Feira para rematar na Praza de Ponteareas.

- Peche de tráfico as 18:00 horas no Alto da Encarnación e nas 4 Pontes (límite co Concello de Vigo) polo desfile de carrozas pola Avenida de Vigo.
- Recoméndase a circulación a partires das 17:00 horas pola Avenida de Redondela N552 en ambos sentidos (Redondela - Vigo e Vigo - Redondela)

Todo o anterior exposto, pode verse variado en función das condicións climatolóxicas, ao estar prevista a opción dunha cabalgata estática no Campo da Feira en Redondela

Aínda non hai eventos para as próximas datas

Policía Local

Consulta o tráfico

Historia

En 1863 o alcalde de Redondela naquela época, Genaro Borines, aprobou a creación da Policía Local no municipio para garantir a seguridade cidadá. O servizo estaba formado por un só axente, Juan Ruiz, que cobraba un soldo de 1.500 reais polo seu traballo. A súa arma regulamentaria era un sabre e polas noites contaba co apoio de dous serenos. As bases para que o municipio dispuxese deste servizo de seguridade púxoas dous anos antes o seu predecesor, Fermín Monroy Correa. Moito cambiou desde esa data ata hoxe, cando o servizo cumpre o seu 150 aniversario.

Hai un século e medio o axente Juan Ruiz comezaba a historia da Policía Local de Redondela. O corpo foi creado o 1 de xullo de 1863 baixo o mandato do alcalde Genaro Borines, aínda que as bases para que o municipio dispuxese deste servizo de seguridade púxoas dous anos antes o seu predecesor, Fermín Monroy Correa.

"Consignouse no orzamento municipal de 1861 a contratación dun axente policial cun soldo de 1.500 reais, aínda que finalmente non puido saír adiante por falta de provisión económica", explica Roberto Gil, un dos axentes actuais e autor, xunto ao seu compañeiro Gonzalo Amoedo, do libro "Arredor de nós: historia dá Policía Local 1863-2003". Nesta obra de investigación, Gil e Amoedo realizan un percorrido polo corpo redondelán desde a súa creación tras un exhaustivo traballo de documentación durante varios anos no arquivo da Deputación Provincial, das hemerotecas de diversos xornais e mesmo a través dos informes do rexistro do Concello.

A obra recolle desde o primeiro plan de tráfico de Redondela dirixido ás carruaxes a un apéndice de ordenanzas históricas que mostran distintos aspectos da sociedade redondelá de principios do pasado século. O texto tamén está salpicado de centos de anécdotas e casos curiosos ao longo da historia, moitos deles documentados e outros baseados nos testemuños de axentes xubilados, viúvas e familiares doutros falecidos, que serviron de fontes de información para o estudo.

Neste sentido, Gil lembra un caso curioso ocorrido en 1987, cando uns veciños alertaron dun porco de grandes dimensións que se escapou dun cortello e meteuse no bar Central, na praza de Ponteareas. "Causouse un gran balbordo e para sacalo foi necesario chamar ao veterinario municipal, que vivía preto do lugar", sinala.

Entre a documentación que achega o libro tamén destacan as normativas de cada época. "No século XIX e principios do XX, ao non existir os coches, as normas eran curiosas porque regulaban as saídas de animais, os carros de esterco e mesmo se obrigaba á colaboración cidadá en caso de incendio, tendo que acudir os veciños con cubos", destaca Gil.

Respecto ao primeiro axente, Juan Ruiz, sábese que só traballou durante catro anos. "Entón era unha profesión que non tiña un recoñecemento importante e o soldo era baixo, polo que se lles xurdían outras oportunidades cambiaban de traballo", apunta Gil. Para ver á primeira muller houbo que esperar 135 anos, ata 1998, cando entrou no corpo Ana Belén Acuña.

O servizo conta agora con trinta axentes e tres vehículos patrulla, así como unhas novas dependencias inauguradas en 2009.

Compartir