Skip to main content

Concello de Redondela

Ensino

A área de Ensino do Concello de Redondela encárgase de supervisar o funcionamento e mantemento dos centros públicos do Concello de Redondela. Somos un organismo intermediario con outros órganos públicos como a Xunta de Galicia.

Realízanse programas e actividades para mellorar certos aspectos da infancia e lánzanse concursos para potenciar o inclusionismo social e dos distintos grupos, nenos, profesores e pais.

Contacta

En 2025 o Concello instalou no CEIP Laredo un valado de seguridade provisional ata que a Xunte renove o tellado.

– A alcaldesa, Digna Rivas, apela á colaboración institucional para acometer reformas históricas en edificios que superan os 40 anos de antigüidade. En centros recentemente reformados pola Xunta como o IES Pedro Floriani, as novas aulas carecen de calefacción e conexión a internet, ademais de padecer pingueiras no pavillón.
– A seguridade do CEIP Laredo é a máxima prioridade. O colexio precisa con urxencia a renovación integral da cuberta. O tellado está protexido cun valado instalado polo Concello desde xaneiro de 2025 para garantir a seguridade da comunidade educativa.

O Concello de Redondela fixo un chamamento á Consellería de Educación da Xunta de Galicia para que acometa os investimentos necesarios nas infraestruturas educativas do municipio. A alcaldesa, Digna Rivas, puxo de manifesto a urxencia de abordar as reformas de gran calado que exceden as competencias locais. O informe técnico municipal pon sobre a mesa unha serie de actuacións en centros que, dada a súa antigüidade —na súa maioría teñen entre 40 e 50 anos—, precisan dunha modernización estrutural integral para garantir a súa sostibilidade. En novembro do ano pasado a alcaldesa solicitou unha reunión co responsable provincial de Ensino da Xunta de Galicia, e aínda agarda unha resposta.

Dentro do mapa de necesidades detectadas a situación máis preocupante céntrase no CEIP Laredo (Chapela). O Concello reitera a urxencia de concretar o proxecto e a data para a renovación integral da cuberta. O perímetro do tellado está protexido cun valado instalado polo Concello en xaneiro de 2025 para previr posibles riscos de desprendementos para garantir a seguridade da comunidade educativa. Rivas advirte que resolver esta deficiencia de forma definitiva “é unha prioridade inaprazable debido ao risco estrutural que presenta o tellado”.

No CEP Santa Mariña cómpre actuar sobre os danos visibles presentes na fachada e nas escaleiras do centro; En Outeiro das Penas requírese a reparación e actualización do sistema de calefacción; Na EEI A Marisma agárdase por un espazo propio de comedor dentro da escola, servizo que actualmente se presta de xeito provisional nun local cedido polo Concello; nos colexios Cedeira e Alexandre Bóveda é necesario o cambio de fiestras para a mellora da eficiencia enerxética e o confort térmico.

Tamén hai problemas en centros recentemente reformados pola Xunta como o IES Pedro Floriani, porque as novas aulas carecen de calefacción e conexión a internet, ademais de padecer pingueiras no pavillón.

Do mesmo xeito, o goberno de Redondela incide na idoneidade de revisar os espazos comúns, como os cuartos de baño e as pistas exteriores de varios centros públicos, que xa alcanzaron o termo da súa vida útil operativa. O Concello reitera que manterá o seu compromiso firme co mantemento diario, pero lembra que a execución destas grandes obras estruturais require da actuación da administración autonómica para ofrecer unha educación pública en condicións óptimas.

A alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Ensino, Alberto Álvarez, presentaron as axendas no CEIP Alexandre Bóveda.

– O Concello inicia o reparto gratuíto das axendas escolares para o curso 2026/27 dirixidas ao alumnado de Primaria e Secundaria de todos os centros públicos do municipio. Nesta ocasión son un total de 2.139 axendas que recollen información do histórico bote “Manuel”. Esta embarcación tradicional do século pasado transportou en segredo a centos de xudeus que fuxían do réxime nazi e tamén abasteceu á illa de San Simón durante a súa época como cárcere franquista.
– As axendas inclúen tamén información sobre as tradicións de Redondela e as actividades culturais, así como mapas e outra información útil para o alumnado. Para a alcaldesa é importante que estas axendas, ademais de ser unha ferramenta de comunicación entre alumnado, familias e profesorado, “sirvan tamén para fomentar o noso patrimonio e a nosa cultura”.

O Concello de Redondela presentou o contido completo das novas axendas escolares gratuítas que se repartirán no comezo de curso entre todo o alumnado de Primaria e Secundaria dos centros públicos do municipio. A edición deste ano destaca por converterse nunha ferramenta pedagóxica e de memoria histórica, recollendo polo miúdo a traxectoria do bote “Manuel”, un símbolo da identidade e solidariedade local. Este ano foi o CEIP Alexandre Bóveda, de Chapela, o que acolleu a presenación das axendas, que inclúen ilustracións detalladas coa anatomía da embarcación tradicional e repasan os fitos máis importantes deste barco tradicional. Entre os contidos históricos que aprenderán os alumnos destacan que na represión franquista o “Manuel” transportaba de Redondela a San Simón tanto comida como roupa e correspondencia para os presos. Na Segunda Guerra Mundial o bote serviu para facilitar a fuxida de centos de xudeus que escapaban do réxime nazi, embarcando na Portela cara a buques británicos. Xa en 1955 o “Manuel” particiou na expedición de Robert Stenuit e John Potter na busca dos galeóns afundidos de Rande.

A axenda tamén pon en valor os traballos máis recentes de conservación do patrimonio mariñeiro. Tras ser entregado por Faustino Otero Cabaleiro á asociación A Lagoa dos Bébedos, o bote foi restaurado en 2024 grazas ao obradoiro municipal de carpintaría de ribeira do Concello de Redondela. Actualmente, o orixinal atópase exposto no Museo de Meirande (Museo da Batalla de Rande). Como colofón desta recuperación, en 2025 creouse unha réplica exacta, o ‘Novo Manuel’, que hoxe en día navega polas costas de Galicia, Portugal e o Cantábrico.

Entre as seccións informativas do interior da axenda, o Concello inclúe un espazo dedicado a Xosé Neira Vilas (1928-2015) con motivo do vindeiro Día das Letras Galegas 2027. O obxectivo é que os escolares coñezan de primeira man ao autor de Memorias dun neno labrego —a obra máis editada e traducida de toda a historia da literatura galega— e reforcen o orgullo pola lingua propia desde as idades máis temperás.

As axendas inclúen tamén información sobre as tradicións de Redondela e as actividades culturais, así como mapas e outra información útil para o alumnado. Para a alcaldesa é importante que estas axendas, ademais de ser unha ferramenta de comunicación entre alumnado, familias e profesorado, “sirvan tamén para fomentar o noso patrimonio e a nosa cultura”.

– Tres xeracións da familia do ilustre galeguista —a súa filla Amalia Bóveda, o seu neto Valentín García, e o seu bisneto Antón— participaron nos actos centrais xunto a Joana Montero, muller do escritor e ilustrador Carlos Taboada. A tenente de Alcaldesa, Rita Pérez Táboas, felicitou á comunidade educativa e destacou o papel de Bóveda na defensa da nosa cultura.
– O colexio inaugurou dúas novas instalacións: a Radio Amalia Bóveda e o Espazo sensorial Carlos Taboada. O colexio agasallou ao IES Chapela unha réplica feita por Ángel Barros do cadro “A derradeira lección do mestre” de Castelao. Con este cadro pasan o relevo ao instituto onde o alumnado do CEIP Alexandre Bóveda fará os estudos de secundaria.

O CEIP de Angorén celebrou onte o 123º aniversario do nacemento de Alexandre Bóveda, que dá nome ao centro. O colexio viviu unha emotiva xornada de celebración e homenaxes. O acto central arrincou cunha recepción musical á que asistiron tres xeracións directas do intelectual galeguista: Amalia Bóveda (filla), Valentín García (neto) e Antón (bisneto). A representación do Concello correspondeu á tenente de alcaldesa, Rita Pérez Táboas e ao concelleiro de Ensino, Alberto Álvarez. Tamén participou o director territorial de Educación, César Pérez.

Noemí Moreira, directora do centro, sinalou que este curso inspiráronse na obra de Castelao A derradeira lección do mestre, dedicada a Bóveda, para construír unha identidade baseada na memoria compartida e rendendo tamén homenaxe aos artistas Carlos Taboada e Ángel Barros polo seu compromiso coa cultura e coa infancia.

Rita Pérez felicitou á comunidade educativa e destacou o papel de Bóveda na defensa da nosa cultura, lembrou que a súa figura demostra que “a violencia non leva a ningures” e tivo palabras de recoñecemento para os homenaxeados Carlos Taboada e o pintor Ángel Barros. Pérez Táboas sinalou tamén que xa está en marcha o proxecto do futuro Museo Municipal de Redondela que acollerá o legado artístico de Barros.

‘A lección continúa’. A proposta artística realizada polo alumnado de 6º de primaria levou por lema “A lección continúa”, inspirada no cadro de Castelao. Na emotiva peza poética e simbólica, afirmaron que as leccións seguen cada día nas escolas e na comunidade, que pode transformarse o mundo a través da arte, a palabra e o coidado aos demais. “Porque hai memorias que non se gardan. Entréganse. De man en man. A lección continúa.” Unha réplica do cadro de Castelao, realizada por Ángel Barros para o CEIP Alexandre Bóveda, foi entregada como agasallo ao IES Chapela. Aldán Santamarina, coordinador do Equipo de Dinamización Lingüística do instituto, foi o encargado de recoller a obra. Con este cadro pasan o relevo ao instituto onde o alumnado de Angorén fará os estudos de secundaria.

Novas dotacións escolares e homenaxe a Carlos Taboada. Tras o acto, inauguráronse dous novos espazos: a Radio Amalia Bóveda, unha nova emisora escolar do centro, e o Espazo Carlos Taboada, un aula sensorial en recoñecemento ao ilustrador de Polo correo do vento autor do mural da entrada da escola.

Enseñanza

Cidades Amigas da Infancia

Información de interese

Concédense subvencións como:

  • Axuda de material escolar para nenos de 3 a 6 anos.
  • Axuda de comedor
  • Actividades extraescolares para ANPAS
  • Programas de autoxestión para os centros.

Compartir