Cultura
A área de Cultura do Concello de Redondela encárgase de organizar e contratar as actuacións culturais do municipio e dinamizar os grupos e actividades da zona.
Contacta
- 986 400 300
- cultura@redondela.gal
- ritaperez@redondela.gal
- Rúa Alfonso XII, 2, 36800 Redondela, Pontevedra
- Responsable María Rita Pérez Táboas
- Martes e Xoves de 9:30 a 13:30 h.
- Novas
- Axenda
- Descargas
– Hai xa tres anos que o Concello solicitou á Consellería de Cultura a reparación das pezas do conxunto escultórico “polo seu deterioro xeneralizado”. A esa demanda o Concello non obtivo resposta. Agora a administración local insta de novo á Xunta para que se faga cargo da restauración destas esculturas que corren un grave risco.
– A alcaldesa, Digna Rivas, lembra que o Concello demanda á Xunta de Galicia a recuperación da Fundación illa de San Simón “para facer un seguimento do que sucede na illa, das súas necesidades, programa de actividades, etc.”. O abandono por parte da Consellería de Cultura deste monumento “é unha mostra máis da necesidade de recuperar este organismo”.
O conxunto escultórico do Capitán Nemo, na enseada de San Simón, presenta un grave estado de deterioro. Trátase dunha obra instalada pola Xunta de Galicia en 2004 fronte á illa de San de San Simón. O monumento foi ideado polos artistas Moncho Lastra e Sergio Portela. O conxunto está presidido pola figura de Nemo, situada sobre un gran pedestal de granito e, aos seus pés, dous mergulladores do submarino Nautilus recollen os tesouros da batalla de Rande.
Esta obra foi obxecto dunha restauración a comezos do ano 2012 debido ao mal estado no que se atopaba a base de pedra que sustenta a Nemo. A alcaldesa, Digna Rivas, explica que a Fundación Illa de San Simón procedeu á súa rehabilitación. Logo, a finais de 2012, a Xunta decidiu suprimir a Fundación e xestionar a illa directamente desde a Consellería de Cultura. Desde entón, hai xa máis dunha década, as prezas presentan un deterioro constante, que vai en aumento co paso do tempo. “Este é outro dos motivos que constata que recuperación da Fundación illa de San Simón é moi necesaria”.
En marzo de 2022, hai xa tres anos, desde o Concello solicitouse á Consellería de Cultura a reparación das pezas do conxunto escultórico Monumento a Nemo “polo deterioro xeneralizado que se aprecia e que é máis grave nalgúns elementos, presentando os buzos unha grande acumulación de moluscos”. A esa demanda o Concello non obtivo resposta algunha. Agora a administración local insiste de novo formalmente ante a Xunta para que se faga cargo da restauración destas esculturas, que co paso do tempo corren un grave risco.
A rexedora insiste en que Redondela debe integrarse “canto antes” na Fundación Museo do Mar de Galicia, órgano do que depende a illa desde 2022. O Concello “non foi convidado nin a colaborar nin a integrarse. Solicitamos por escrito varias veces a nosa inclusión no Padroado e non tivemos resposta, o que nos parece discriminatorio e inxustificable”. En todo caso, como xa fixo o Concello en reiteradas ocasións, Rivas demanda á Xunta a recuperación da Fundación illa de San Simón “para facer un seguimento do que sucede na illa, das súas necesidades, programa de actividades, etc.”.
O Concurso de disfraces do Martes de Entroido 2025 deixou patente unha vez máis a creatividade, imaxinación e humor dos veciños e veciñas de Redondela, nunha xornada con gran participación e ambiente ao longo de todo o día. Resultaron gañadores na categoría Individual: 1º Dente de León e 2º Princesa Naira. En Parellas: 1º Exército do Aire e 2º Aladín e Jazmin, e en Grupos: 1º Autos Choco-nes e 2º Cancellería de Ghatos.
,
Ao berro de: “Lume aos que branquean o franquismo e aos que tratan de resucitar os totalitarismos!” o Martes de Entroido Redondela queimou ao seu Meco, representado na figura de Franco e o deputado José Luis Ferro.
Coa música da reivindicativa “Bella Ciao” o Meco ardeu. O pregón comezou coa retransmisión da histórica locución de Arias Navarro en 1.975: “Españoles, Franco ha muerto”. O manifestou lembrou que este ano celebramos “que o Caudillo leva 50 anos soterrado”, e aínda hai quen prefire “branquexar a Historia, banalizar o acontecido e facerse o esquecido”. O Meco non quixo esquecer o exemplo da Illa de San Simón “usada como prisión e na que Ferro Iglesias nega que houbera mortes e fusilamentos, pretende que borremos esa parte do noso pensamento”. O pregón tivo palabras de recoñecemento para as “madriñas, veciños e veciñas, que axudaron a aqueles presos que morreron de inanición, frío ou desatención”.
Centos de persoas ateigaron a Alameda Castelao e as rúas do centro da vila para vivir o espectáculo. Co Meco queimouse “aos que atentan contra os dereitos e a liberdade, aos que inventan falsas noticias, bulos e mentiras”. O pregón pediu “que o lume ceibe a San Simón de xincanas e festivais, que non sexa o retiro de iogas espirituais. Que se respecte a Illa da Memoria e que o lume permita a Redondela seguir defendendo a verdade, a xustiza, os dereitos e a dignidade”.
Os lumes de artificio e o espectáculo “Pachamama”, de Troula Animación, completaron a xornada festiva e reivindicativa do Martes de Entroido.
O grupo local “Los ásperos” son os encargados de pechar a xornada cun concerto tributo á mítica banda de Los Suaves na Praza da Constitución.