Concello de Redondela

Urbanismo

A Área de Urbanismo do Concello de Redondela encárgase da actuación urbanística, incluíndo a planificación, as licenzas, as disciplinas urbanísticas, a conservación de edificios, os proxectos e as obras municipais.

Contacta

A reforma da estación de tren de Redondela xa están en marcha cun investimento de 3,3 millóns de euros. Os traballos completan a súa remodelación e reforzan a accesibilidade: despregamento de ascensores, equipamento do paso inferior, renovación de aseos e outras instalacións, e tamén da praza de acceso. Estas actuacións súmanse ás xa completadas na liña ferroviaria, coa renovación da plataforma e a electrificación do tramo. A alcaldesa, Digna Rivas, agradece o compromiso de Adif, que deste xeito avanza na modernización da liña. O investimento global de 265 millóns de euros adecuarase ao Corredor Atlántico, reforzará a conexión con Portugal e aumentará a capacidade para tráfico de viaxeiros e mercadorías. Esta actuación poderá ser cofinanciada polo Mecanismo “Conectar Europa” da Unión Europea (CEF).

O novo apeadeiro de Chapela, contratado

Xa está contratada, por 32,7 millóns, a renovación de vía do trazado Redondela-Vigo Guixar, que inclúe a construción do novo apeadeiro de Chapela, ademais de actuacións en vías e plataformas das estacións de Redondela e Vigo-Guixar, e o reforzo do túnel de Vigo. Ademais, Adif xa adxudicou, por outros 12,3 millóns, a adecuación da sinalización deste mesmo tramo, Redondela-Vigo Guixar, e a súa integración no sistema de xestión de tráfico en remoto e tempo real, co sistema de sinalización Asfa dixital, sinais LED e novos dispositivos que xestionan a distancia sinales dun tramo ferroviario, circuítos de vía (sistemas que detectan a presenza dun tren nun tramo) e outros equipos

Recentemente contratáronse tamén as obras de renovación de vía do trazado entre Redondela e Guillarei que, cun investimento de 49 millóns, tamén comprenden a ampliación das dimensións (gálibo) e a instalación de novos sistemas de protección civil e seguridade nos catro túneles. Tamén se constrúe un novo viaduto (82 m) sobre a estrada N-550 e renovaranse unha vintena de pasos inferiores.

– A segunda parte da senda arranca nas inmediacións do novo Skatepark e continúa en dirección a Redondela cunha nova superficie de 2.300 metros cadrados para uso público. Contará cunha praza que comunicará os dous tramos do camiño Real Angorén, que na actualidade están separados pola vía.
– A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que deste xeito “o goberno local cumpre co compromiso de dar continuidade á Senda Verde de Chapela, inaugurada no anterior mandato, e que é moi transitada pola veciñanza. Trátase dun paso máis no noso empeño por dar prioridade aos peóns e crear espazos saudables”.

Esta semana comezaron as obras para a construción da segunda fase da Senda Verde de Chapela. Deste xeito o Concello dá continuidade a esta vía peonil que transforma a antiga liña do ferrocarril, agora en desuso, nun novo espazo público de lecer. Este segundo tramo comeza nas inmediacións do novo Skatepark e continúa en dirección a Redondela. A alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Urbanismo, Antoio Cabaleiro, visitaron a zona para comprobar o esatado dos traballos. O proxecto vai transformar esta céntrica zona da parroquia de Chapela cunha nova superficie de 2.300 metros cadrados para uso público. Rivas sinala que deste xeito “o goberno local cumpre co compromiso de dar continuidade á Senda Verde de Chapela, inaugurada no anterior mandato, e que é moi transitada pola veciñanza”. O novo tramo, ao igual que a senda que une o antigo apeadoiro con Vigo, será un espazo pensado para o uso e disfrute da cidadanía. Na zona crearase “un espazo dinámico para fomentar a vida saudable no que a veciñanza poida gozar dun paseo por un medio natural lonxe do tráfico, e tamén mellorará a conexión coas rúas da contorna”. A segunda fase contará cunha praza que comunicará os dous tramos do camiño Real Angorén, que na actualidade están separados pola vía do ferrocarril. Crearase así un lugar de esparexemento, deporte e vida saudable, tanto para usos lúdicos como deportivos. “Trátase dun paso máis no empeño deste goberno por dar prioridade aos peóns e crear espazos saudables”, sinala Rivas.

O deseño é similar ao da primeira fase da senda, e nos puntos nos que o percorrido ten acceso dende as rúas adxacentes crearanse pequenas prazas con bancos que servirán como zonas de descanso e de encontro para a veciñanza. Ao final do trazado colocarase unha pérgola que ofrecerá sombra nos días de sol. Os traballos foron adxudicados á empresa local Construcciones Castro por un importe de 277.500 euros, e o prazo de execución é de seis meses. O financiamento corre a cargo do Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra.

Novos espazos públicos en Chapela

Este novo proxecto, que será unha realidade este outono, súmase a outras melloras que vén experimentado a parroquia de Chapela nos últimos anos. A primeira fase da Senda Verde, que conecta o antigo apeadoiro de Chapela con Vigo, inaugurouse a finais de 2021 cun investimento de 778.000 euros. Anexo a esta senda construíse o Skatpark. Esta pista de deportes urbanos, valorada como unha das mellores da área metropolitana, supuxo un investimento de 357.894 euros. Tamén se remodelou o espazo coñecido como “o Campito” e a alameda Rosalía de Castro, cun investimento entre ámbalas obras de 600.000 euros. “En total, os investimentos nesta zona da parroquia superan os 2 millóns de euros nos últimos catro anos, con proxectos que serviron para mellorar espazos públicos e crear outros novos cos a cidadanía gaña en calidade de vida”, conclúe Rivas.

– O Concello de Redondela solicitou unha auditoría externa para avaliar as deficiencias estruturais do campo de fútbol da Gándara. Realizaranse ensaios para determinar a regularidade do terreo, a absorción de impactos, resistencia e infiltración de area, entre outros parámetros. O obxectivo é coñecer o estado do firme baixo o terreo de xogo para poder darlle unha solución definitiva.

– Os técnicos sinalan que o problema de base está no proxecto realizado para estas instalacións, que data de 2017, “xa que o material escollido para o firme, de saburra, non se axusta ni ás necesidades do terreo nin ás condicións meteorolóxicas da zona”. As deficiencias no céspede e nos sistemas de rego e iluminación están a ser reparados pola empresa que realizou a obra e supeditadas ás condicións meteorolóxicas.

O Concello de Redondela solicitou unha auditoría externa a unha empresa especializada para avaliar as deficiencias estruturais do campo de fútbol da Gándara, no Viso, polos problemas no terreo de xogo. Realizaranse ensaios “in situ”, determinarase a regularidade do terreo e a absorción de impactos, a resistencia do céspede, infiltración de area e outros parámetros. O obxectivo desta auditoría é coñecer o estado da estrutura do firme baixo o terreo de xogo para poder darlle unha solución definitiva. Os técnicos sinalan que o problema de base está no proxecto realizado para estas instalacións “xa que o material escollido para o firme non se axusta ni ás necesidades do terreo nin ás condicións meteorolóxicas da zona”. O proxecto realizado en 2017 establecía que a base se fixese con saburra, “cando o material máis axeitado para este campo sería unha base de asfalto”. Segundo os expertos o asfalto achegaría “máis firmeza” e non xeraría os problemas de drenaxe que actualmente se están a dar baixo o céspede. A acumulación de auga baixo o tapete é a causante dos desniveis no terreo e de que o céspede artificial se despegue.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o concelleiro de Deportes, Iván Valles, reuníronse a semana pasada no Concello coa directiva do CD Cesantes, club que emprega o campo de fútbol municipal da Gándara, en Tuimil (O Viso). Neste encontro a alcaldesa trasladoulles que as deficiencias que presenta o campo, como avarías no sistema de rego, tapetes despegados e problemas de iluminación, serán reparadas pola empresa contratista, xa que as instalacións están aínda están en período de garantía. Os arranxos comezaron hai unhas semanas e dependen das condicións meteorolóxicas, polo que continuarán neste mes de abril e prolongaranse ata xuño. Para garantir unha correcta reparación do tapete de céspede é necesario que non se rexistren precipitacións nos 15 días previos e os 15 días posteriores aos traballos. Rivas afirmou que o seu goberno esixirá que o campo quede «en perfectas condicións”. O goberno local trasladoulles tamén toda a información relativa á auditoría que realizará unha empresa especializada. O obxectivo é ter un diagnóstico completo da situación do terreo de xogo en canto á compactación do chan, a firmeza e a rodaxe do na superficie de xogo.

Urbanismo

Planificación e Desenvolvemento Urbano

De interese...

TRÁMITES

CARTOGRAFÍA - SIOTUGA

ORDENANZAS E REGULAMENTOS

PXOM

CARTOGRAFÍA - SIOTUGA

SIOTUGA

Compartir