Medio Ambiente
A área de Medio Ambiente do Concello de Redondela encárgase de xestionar a infraestrutura verde municipal e a protección e conservación do medio ambiente urbano.
Contacta
- 986 400 300
- medioambiente@redondela.gal
- Rúa Alfonso XII, 2, 36800 Redondela, Pontevedra
- Laborais 9:00-14:00 horas
- Novas
- Axenda
- Descargas
– A partir da semana que vén, desde o 15 de xuño e ata o 15 de setembro os areais da Punta, Arealonga e os Penedos contarán cun servizo de limpeza diaria. Os traballos inclúen tamén os paseos de Cesantes, Jesús Durán Troncoso e Cardona, os accesos, aparcadoiros, zonas verdes e espazos de xogos adxacentes.
– Na praia de Arealonga, en Chapela, os traballos previos para acondicionar o areal contratáronse o pasado 29 de maio, e a empresa responsables comezou onte coas tarefas de limpeza. Tamén, con persoal municipal, comezaron esta semana as tarefas de limpeza na praia da Punta, en Cesantes.
O Concello de Redondela comezou esta semana cos traballos de limpeza nos areais do municipio antes de comezar oficialmente a temporada estival. Na praia de Arealonga, en Chapela, os traballos previos para acondicionar o areal contratáronse o pasado 29 de maio, e a empresa responsables comezou onte coas tarefas de limpeza. Tamén, con persoal municipal, comezaron esta semana as tarefas de limpeza na praia da Punta, en Cesantes. A partir da semana que vén, desde o 15 de xuño e ata o 15 de setembro os areais da Punta, Arealonga e os Penedos contarán cun servizo de limpeza diaria. Os traballos inclúen tamén os paseos de Cesantes, Jesús Durán Troncoso e Cardona, os accesos, aparcadoiros, zonas verdes e espazos de xogos adxacentes. Como xa aconteceu o ano pasado, os días de limpeza en Soutoxuste e Rande serán tres días á semana, e na praia de Cabanas, en Trasmañó, dous días á semana.
O concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez, explica que as labores de limpeza realizaranse tendo en conta a conservación do medio natural, “sen afectar ao equilibrio ecolóxico das praias e respectando sempre a fauna e flora da contorna”. No caso das algas mariñas, argazos e restos vexetais, a retirada será “de xeito manual e de acordo coa normativa vixente, xa que son compoñentes naturais do ecosistema mariño”.
Servizo de Socorristas nas praias de Arealonga e Cesantes
O servizo de socorrismo e salvamento comezará o 15 de xuño nas praias de Arealonga e Cesantes. Os socorristas estarán nos areais os tres meses de verán, ata o 15 de setembro, todos os días, incluídos festivos, en horario continuado, de 12:00 a 20:00 horas. A alcaldesa, Digna Rivas, destaca o esforzo que se fai desde o Concello para que este servizo estea operativo xa a mediados de xuño “adiantándonos á temporada alta de verán para que a veciñanza poida gozar das nosas praias nas mellores condicións e con total seguridade ”.
– O Concello de Redondela esixe a SEAGA (Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos), dependente da Xunta de Galicia, que axilice o máximo posible as xestións para proceder á tala e limpeza das denominadas “faixas secundarias” do municipio para previr incendios. Aínda están sen limpar as parcelas que corresponden ao convenio de 2024, ás que se suman as deste 2025.
– Hai xa un ano a Consellería de Medio Rural comprometeuse a facer a limpeza e tala da biomasa en Río Frío, na parroquia de Chapela, pero aínda non se realizou. O concelleiro de Medio Ambiente advirte que existe moita preocupación por parte dos veciños, e que desde o Concello ofrecen “toda a colaboración á administración autonómica para resolver esta situación”.
O Concello de Redondela esixe a SEAGA, (Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos), que axilice as xestións para proceder á tala e limpeza das denominadas “faixas secundarias” do municipio. Trátase de franxas de 50 metros ao redor de construcións e vivendas que deben manterse limpas e sen especies pirófitas, propensas a propagar lumes. Conservar estas zonas de monte correctamente “é esencial para evitar a proliferación de incendios en puntos especialmente sensibles”, sinala o concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez.
O Concello de Redondela, a Consellería do Medio Rural, a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e SEAGA asinaron un convenio para a súa xestión en 2022. En base a este convenio o goberno local solicitou a comezos de ano á Dirección Xeral de Defensa do Monte “as inspeccións oportunas nas faixas secundarias de biomasa para previr incendios forestais”. A comezos do verán de 2024 a Consellería de Medio Rural comprometeuse a acometer a limpeza e tala da biomasa en Río Frío, na parroquia de Chapela, e noutras zonas próxima a vivendas. Álvarez explica que hai un total de 10 hectáreas das que está aprobada a súa limpeza desde o ano pasado, pero aínda non se realizou, e están tamén pendentes as parcelas deste 2025. O concelleiro de Medio Ambiente advirte que existe preocupación por parte dos veciños, e que desde o Concello ofrecen “toda a colaboración á administración autonómica para resolver esta situación”. O edil explica que desde o Concello de Redondela “están a facerse os deberes” e remitindo á Consellería toda a documentación que solicitan, e lamenta que a Xunta de Galicia “demore durante meses todas as tramitacións”.
O Concello elaborou en 2019 o Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais que a propia Dirección Xeral de Defensa do Monte sinala que “cumpre cos requisitos que establece a normativa”. Álvarez, explica que “debe ser a Consellería de Medio Rural quen realice a xestión da biomasa e a retirada de especies arbóreas, na súa maior parte eucaliptos e piñeiros”. Descoñécese quen son os propietarios de moitas das parcelas e o Concello non dispón de medios para proceder á limpeza, “que debe realizar SEAGA, segundo o convenio”. O concelleiro confía en que os traballos se realicen “no prazo de tempo máis breve posible”.
– A segunda parte da senda arranca nas inmediacións do novo Skatepark e continúa en dirección a Redondela cunha nova superficie de 2.300 metros cadrados para uso público. Contará cunha praza que comunicará os dous tramos do camiño Real Angorén, que na actualidade están separados pola vía.
– A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que deste xeito “o goberno local cumpre co compromiso de dar continuidade á Senda Verde de Chapela, inaugurada no anterior mandato, e que é moi transitada pola veciñanza. Trátase dun paso máis no noso empeño por dar prioridade aos peóns e crear espazos saudables”.
Esta semana comezaron as obras para a construción da segunda fase da Senda Verde de Chapela. Deste xeito o Concello dá continuidade a esta vía peonil que transforma a antiga liña do ferrocarril, agora en desuso, nun novo espazo público de lecer. Este segundo tramo comeza nas inmediacións do novo Skatepark e continúa en dirección a Redondela. A alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Urbanismo, Antoio Cabaleiro, visitaron a zona para comprobar o esatado dos traballos. O proxecto vai transformar esta céntrica zona da parroquia de Chapela cunha nova superficie de 2.300 metros cadrados para uso público. Rivas sinala que deste xeito “o goberno local cumpre co compromiso de dar continuidade á Senda Verde de Chapela, inaugurada no anterior mandato, e que é moi transitada pola veciñanza”. O novo tramo, ao igual que a senda que une o antigo apeadoiro con Vigo, será un espazo pensado para o uso e disfrute da cidadanía. Na zona crearase “un espazo dinámico para fomentar a vida saudable no que a veciñanza poida gozar dun paseo por un medio natural lonxe do tráfico, e tamén mellorará a conexión coas rúas da contorna”. A segunda fase contará cunha praza que comunicará os dous tramos do camiño Real Angorén, que na actualidade están separados pola vía do ferrocarril. Crearase así un lugar de esparexemento, deporte e vida saudable, tanto para usos lúdicos como deportivos. “Trátase dun paso máis no empeño deste goberno por dar prioridade aos peóns e crear espazos saudables”, sinala Rivas.
O deseño é similar ao da primeira fase da senda, e nos puntos nos que o percorrido ten acceso dende as rúas adxacentes crearanse pequenas prazas con bancos que servirán como zonas de descanso e de encontro para a veciñanza. Ao final do trazado colocarase unha pérgola que ofrecerá sombra nos días de sol. Os traballos foron adxudicados á empresa local Construcciones Castro por un importe de 277.500 euros, e o prazo de execución é de seis meses. O financiamento corre a cargo do Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra.
Novos espazos públicos en Chapela
Este novo proxecto, que será unha realidade este outono, súmase a outras melloras que vén experimentado a parroquia de Chapela nos últimos anos. A primeira fase da Senda Verde, que conecta o antigo apeadoiro de Chapela con Vigo, inaugurouse a finais de 2021 cun investimento de 778.000 euros. Anexo a esta senda construíse o Skatpark. Esta pista de deportes urbanos, valorada como unha das mellores da área metropolitana, supuxo un investimento de 357.894 euros. Tamén se remodelou o espazo coñecido como “o Campito” e a alameda Rosalía de Castro, cun investimento entre ámbalas obras de 600.000 euros. “En total, os investimentos nesta zona da parroquia superan os 2 millóns de euros nos últimos catro anos, con proxectos que serviron para mellorar espazos públicos e crear outros novos cos a cidadanía gaña en calidade de vida”, conclúe Rivas.
Aínda non hai eventos para as próximas datas
Analíticas
- Análíticas de Fontes
- Analíticas de Praias
Axenda 21 - Redondela
A Axenda 21 é un plan de acción das Nacións Unidas para un desenvolvemento sustentable no século XXI, aprobado por 173 gobernos na Conferencia sobre Medio Ambiente e Desenvolvemento que tivo lugar en Río de Janeiro en 1992.
A Axenda Local 21 é un proceso a implantar e desenvolver polas Entidades Locais que se basea na integración das políticas ambientais, económicas e sociais do concello a través da elaboración e aplicación dun Plan de Acción Local.
Sumarse a esta iniciativa supón, xa que logo, o compromiso municipal de estimular o desenvolvemento de medidas encamiñadas a facer compatibles a conservación do medio co desenvolvemento social e económico do propio concello. Supón ademais facelo dun xeito estruturado e planificado o que implica unha actuación transversal coa participación da totalidade das áreas da Administración local.
A Axenda 21 Local é un proceso aberto e creativo que cada concello define baseándose na súa realidade e nos seus condicionantes.