Normalización Lingüística
A área de Normalización Lingüística do Concello de Redondela encárgase de promover e dar soporte técnico ao proceso de extensión do uso da lingua galega.
Contacta
- 986 400 300
- normalizacion@redondela.gal
- Rúa Alfonso XII, 2, 36800 Redondela, Pontevedra
- Laborais de 9:00 a 14:00 horas
- Novas
- Axenda
- Descargas
Erica Iglesias, Valentín García, Digna Rivas, Ángel Barros, Amalia Bóveda e Noemí Moreira
– O CEIP Alexandre Bóveda celebrou o 122 aniversario do ilustre galeguista nunha emotiva xornada. O centro inaugurou un retrato de Bóveda realizado e doado polo artista redondelán Ángel Barros. A filla de Alexandre Bóveda, Amalia, inaugurou a obra xunto ao pintor, quen explicou que se trata dun retrato “inacabado intencionadamente, porque tamén a vida de Bóveda quedou inacabada”.
O CEIP Alexandre Bóveda, en Chapela, celebrou onte o 122 aniversario do ilustre galeguista que dá nome ao centro. O colexio viviu unha xornada moi emotiva na que participaron Amalia Bóveda e Valentín García, filla e o neto de Alexandre Bóveda. Co Alalá das Mariñas, interpretado por Erica Iglesias, deuse inicio aos actos. O artista redondelán Ángel Barros doou ao centro un retrato de Bóveda, que se presentou esta mañá coa participación do pintor. O propio Barros explicou que o retrato é unha obra “inacabada intencionadamente, como un símbolo, porque tamén a vida de Bóveda quedou inacabada”.
A alcaldesa, Digna Rivas, felicitou ao centro pola iniciativa e lembrou o papel de Alexandre Bóveda “na defensa dos dereitos do pobo galego e da democracia”. Rivas animou a nenos e nenas a seguir o exemplo de Bóveda “e aprender, coñecer o mundo e ler moito, porque o saber é un dos tesouros máis importantes da vida”. A rexedora agradeceu á familia de Bóveda a súa presenza e dixo sentir neles “a dignidade da memoria histórica e a lembranza das persoas que deron a súa vida pola democracia”. No acto participaron tamén Manuel Puga, neto de Ernestina Otero, Rosalía Polo, inspectora de Educación, e Xurxo Martínez, técnico de Normalización Lingüística. Alumnado do centro protagonizou unha emotiva peza teatral e non faltou a música, co alumnado cantando o “parabéns para ti” a Bóveda e o himno galego interpretado polo Carunchos. A directora do centro, Noemí Moreira, agradeceu aos convidados e a toda a comunidade educativa a súa implicación nesta celebración.
Os actos continuarán no CEIP Alexandre Bóveda o venres, 6 de xuño, cun serán aberto a toda a comunidade educativa. Será a partir das 18.30 horas coa participación do grupo folclórico Anaquiños de Chapela.
Anunciouse a adxudicación das subvencións en materia de lingua da Deputación de Pontevedra. Na liña de reforzo do SNL o departamento redondelán recibe do ente provincial 18.000 euros, e na liña de actividades recibe 8.801 euros para o proxecto “Unha semaniña enteira”, co que se promove o uso oral da lingua galega entre a mocidade.
– Este venres día 30 o Concello de Redondela celebra a última das conferencias do Ano Castelao baixo o título «A arte de abrir os ollos nos carteis do Estatuto de Galicia de Castelao». Iria-Friné Rivera, Historiadora da Arte e escritora, centrarase no traballo de Castelao como debuxante e autor de carteis da campaña para o Estatuto. Será ás 19.40 na Oficina de Turismo, rúa Isidoro Queimaliños.
Galicia celebra este 2025 o Ano Castelao, co gallo do 75º aniversario do seu pasamento. O Concello de Redondela súmase a esta conmemoración e está a organizar desde o mes de xaneiro actividades desde o Servizo de Normalización Lingüistica, que dirixe a alcaldesa Digna Rivas. Trátase de actos para poñer en valor “o relevante papel de Castelao como político, intelectual, escritor e debuxante”, explica a rexedora.
Nas conferencias teñen participado desde comezos de ano o catedrático de Historia, Ramón Villares, o escritor e profesor Emilio Ínsua e a investigadora Diana Vilas sobre “O álbum dos nenos de Castelao”. Este venres, día 30 de maio, teremos a última das conferencias deste ciclo da man de Iria-Friné Rivera, Historiadora da Arte e escritora que nos falará sobre a cartelaría do Estatuto do 36 de Castelao baixo o título “A arte de abrir os ollos nos carteis do Estatuto de Galicia de Castelao”. Será ás 19.30 horas na Oficina de Turismo, rúa Isidoro Queimaliños, con entrada libre ata completar o aforo.
Por outra banda, o 4 de xuño o Concello colaborará co CEIP Alexandre Bóveda (Angorén-Chapela), na celebración do aniversario de Alexandre Bóveda, coa participación das fundacións Castelao e Bóveda. O xoves, 5 de xuño, inaugúrase no Multiúsos da Xunqueira a exposición itinerante “Castelao Grafista” en colaboración con Afundación, a Fundación Gonzalo Torrente Ballester, a Real Academia Galega de Belas Artes e Turismo de Galicia.
Redondela,Pontevedra36800España

O Concello de Redondela é pioneiro da normalización da lingua galega. Un proceso que constitúe unha protección, divulgación e impulso da riqueza cultural máis importante de Galicia. Redondela constituíu o Servizo de Normalización Lingüística no ano 1982; por tanto, un ano antes de que o Parlamento galego aprobase a Lei de normalización. Por este motivo, Redondela situouse como un referente para toda Galicia. Esta decidida e valente, iniciativa valeulle distintos recoñecementos, como o Premio da Crítica de Galicia ou o Pedrón de Ouro. A lingua galega converteuse nun motivo de especial orgullo para a cidadanía redondelana. Porque a causa do idioma é unha causa común. Pero coñezamos un pouco desta historia.
Nacemento e devir do galego
O galego é unha lingua romance. Formouse cara ao final do século VIII a partir dun substrato celta e dos superestratos xermánicos (suevos, visigodos), tendo como base o latín. No léxico quedaron mostras, actualmente vivas, de linguas anteriores á chegada dos romanos. Por exemplo, carqueixa, queiruga, touza, labio, lágrima, rodaballo… Na toponimia temos numerosos exemplos: Viascón, Bergantiños, O Grove… ou nos nomes de ríos: Sar, Navia, Landro…
O período medieval (X-XV) foi luminoso para Galicia grazas ao poder relixioso, nobiliario e cultural. De testemuño quedaron os códices coa lírica medieval galega, as coleccións de documentos xurídicos ou textos escritos por monarcas, como o Rei Afonso X O Sabio, autor das “Cantigas de loor de Santa María”.
Por causa das vicisitudes sociopolíticas (independencia do sur de Galicia, que deu orixe a Portugal; guerras civís; revoltas irmandiñas; interveción dos Reis Católicos…) o galego foi perdendo o seu status en favor do castelán, que axiña se impuxo como única lingua na escrita malia que a poboación falase galego.
Ao longo dos anos produciuse tamén un cambio sociolingüístico posto que as clases pudentes adoptaron o castelán como marca fronte ao galego, identificada coas clases baixas. A isto sumóuselle unha política de expulsión do galego da documentación, de castelanización da toponimia (Sanjenjo, Rianjo, Mugía…) ou incluso de modificación nos apelidos (Otero por Outeiro, Seijas por Seixas, Molinos por Muíños…).
O galego mantívose sempre como lingua oral. Devagar xurdiron voces que reivindicaron a súa dignificación (Conde de Gondomar, Padre Feijóo, frei Martín Sarmiento…). Será co Rexurdimento (S. XIX) cuando comience un proceso continuado de recuperación en la escritura.


O galego mantívose sempre como lingua oral. Devagar xurdiron voces que reivindicaron a súa dignificación (Conde de Gondomar, Padre Feijóo, frei Martín Sarmiento…). Será co Rexurdimento (S. XIX) cando comece un proceso continuado de recuperación na escrita e que terá o momento álxido coa fundación da Real Academia Galega en 1906.
No pasado século a conciencia lingüística avanzou. En 1916 naceron as Irmandades da Fala ue tiñan por bandeira a lingua como elemento central da identidade galega. Dende entón iniciouse a demanda da cooficialidade que chegaría coa aprobación do Estatuto Galego en 1936. Pero a guerra civil impediu que se puxese en marcha.
A ditadura franquista expulsou o galego da vida oficial, agás no ámbito da cultura. Esta tería un papel central na recuperación da conciencia lingüística. A mediados dos 60 apareceron numerosas asociacións culturais en cidades e vilas que impulsaron o galego con distintas iniciativas.
Tamén o movemento político e sindical antifranquista foi incorporando o uso do galego. Hoxe é a lingua oficial de todos os sindicatos agrarios e obreiros e da maioría das forzas políticas con representación institucional. Tras a aprobación do Estatuto de Autonomía (1981), que supuxo a cooficialidade do galego e que foi definida como “a lingua propia de Galicia”, comezou a incorporación a todos os ámbitos dos que fora expulsado ao longo dos séculos.


Redondela impulsa o Galego
O Concello de Redondela foi o primeiro en ofrecer en galego todo tipo de formularios en galego, en sinalizacións viarias, na rotulación das dependencias municipais… Ademais organizou os primeiros cursos de linguaxe administrativa para o funcionariado e cursos de para a veciñanza.
Mais a iniciativa de Redondela foi máis alá do municipio. A mediados dos 80 reclama ás autoridades responsables a incorporación do galego á guía telefónica, ao transporte aéreo e ferroviario (Aviaco e Renfe), ás empresas públicas… Organiza xornadas sobre modelos de normalización traendo a responsables de Euskadi e Catalunya, lanza unha campaña de grande éxito titulada “Sinte Galicia, fala o teu idioma” na cal participan rostros moi populares nese tempo (Camilo José Cela ou Pepe Domingo Castaño).
Un momento histórico foi a sentenza ditada en galego o 27 de marzo de 1985 pola Audiencia Territorial da Coruña tras 500 anos de proscrición. O promovente fora o Concello de Redondela.
Outras propostas, sempre recibidas con entusiasmo polo pobo redondelán, foron logo copiadas noutros municipios (por exemplo, Redondela foi o primeiro consistorio que puxo o nome de “Casa do Concello”) ou se manteñen vivas até hoxe (por exemplo, o premio de narrativa Eduardo Blanco Amor).
Na actualidade, o galego conta coa máxima protección a nivel legal dentro do municipio: é a lingua oficial, existe unha ordenanza de uso, mantense o SNL como departamento autónomomo… Pero a realidade sociolingüística galega é adversa á vista dos datos da ruptura na transmisión interxeracional.
En todo caso, Redondela foi e segue sendo un modelo lingüístico referente para toda Galicia. Esta é tarefa compartida entra a Administración e a sociedade. Redondela é un exemplo. Unha proba é a recollida, conservación e promoción da microtoponimia, coa creación dunha web esepcífica que podedes consultar na seguinte ligazón: Toponimia de Redondela.