A música do violín, o instrumento que tocaba Luísa Villalta, soou hoxe na Alameda Castelao para homenaxear á escritora, música e mestra a quen este ano se dedican as Letras Galegas. O acto institucional celebrouse esta mañá coa participación de alumnado dos colexios de Cedeira, Reboreda e Porto Cabeiro. Xurxo Martínez, o técnico do SNL, foi o encargado de presentar o acto e dar paso a Raquel, Irea, Leire, Manuel, Lara e Xoel, a rapazada encargada de falar da vida e a obra de Luísa Villalta. A alcaldesa, Digna Rivas, agradeceu aos nenos e nenas o seu “esforzo e valentía” por participar neste acto institucional “que será un bo recordo para eles e un lazo coa lingua galega”. A música de violín, o instrumento de Villalta, correu a cargo de Estefanía, alumna do Conservatorio Superior de Música de Vigo á quen Rivas agradeceu a súa participación. O acto rematou coa ofrenda a Castelao e o himno galego.
A alcaldesa, responsable do Servizo de Normalización Lingüística do Concello, fixo fincapé en que Redondela é un referente na promoción da lingua galega “todos os días do ano, xa que a promoción do galego debe ser un traballo continuado”. Puxo como exemplo o ciclo de Teatro Infantil, o de Cinema en Galego, os proxectos de recuperación e difusión da toponimia, ou os contacontos ilustrados nas escolas, entre outras moitas actividades.
Tamén o Festival Internacional de Títeres ofrece unha ampla programación con compañías galegas, tanto neste días das Letras Galegas como durante todo o festival.
Por outra banda o Servizo de Normalización Lingüística repite a experiencia de “Unha semaniña enteira” que tanto éxito tivo nos institutos o pasado mes de abril. Desta volta, co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, serán os colexios de primaria os que participen esta iniciativa que anima á rapazada a falar galego as 24 horas, os setes días da semana. A iniciativa comezou onte luns nos centros de Cedeira, Porto Cabeiro, Outeiro das Penas, Reboreda e Alexandre Bóveda. En total son arredor dun milleiro de alumnos e alumnas os que participan no reto. Como na anterior ocasión, desde o Servizo de Normalización Lingüística piden “ a colaboración de toda a comunidade educativa e dos distintos sectores sociais para acompañalos no uso do galego”, lembra Rivas, quen como responsable do departamento salienta que en Redondela “gústanos o galego, e gústanos todos os días do ano”.